Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 200 persoas descubriron o pasado xudeu de Tui nun novo desafío de Eureka Reto Rural

27/05/2024

O equipo ‘Los desmotivados’ foi o gañador do reto, galardoado cun bautismo de surf para seis persoas na praia de Patos, en Nigrán

Máis de 200 persoas participaron este domingo no escape room “A Comunidade Xudía de Tui”, o desafío de Eureka Reto Rural organizado polo Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño.

Con esta propostas lúdica as rúas de Tui enchéronse de equipos de xogadores e xogadoras de todas as idades para ir descubrindo reto a reto o pasado xudeo da cidade e as curiosidades da comunidade xudía que viviu durante o século XI no conxunto histórico tudense.

O equipo ‘Los desmotivados’ foi o gañador deste escape room de Tui de ‘Eureka Reto Rural’. Recibiron coma premio un bautismo de surf para seis persoas con tres clases de iniciación de dúas horas na praia de Patos, en Nigrán, con todo o material necesario para cada sesión tamén incluído. 

Por outra banda, os gañadores dos seis lotes de merchandising promocional de Tui sorteados polo Concello entre todas e todos os participantes foron os equipos ‘Pipo, ‘Tebra’, ‘Los Pepes’, ‘Los cuatro exploradores’, ‘Vilas Medina’ e ‘Pardedos’.

As persoas que non puideron participar este domingo no scape room de  Tui poderán desfrutar desta actividade de forma libre xa que continúa  aberta e dispoñible durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

‘Eureka Reto Rural’ está a levar a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será o sábado 8 de xuño en Mos coa Festa da Rosa como temática central da aventura.

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.