Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Lagarta, Lagarta recibiu catro premios María Casares. “O Segredo dos Hoffman” chega este venres ao Teatro Municipal de Tui

10/11/2010

Lagarta, Lagarta recibiu catro premios María Casares
“O Segredo dos Hoffman” chega este venres ao Teatro Municipal de Tui
É unha comedia, recomendada para público adulto. Ten unha duración de 95 minutos.

Mércores , 10 de novembro de 2010. Unha comedia é a que chega este venres, ás 21.30h, ao Teatro Municipal de Tui da man de Lagarta, Lagarta. A compañía de Vedra levará a escena “O Segredo dos Hoffman” unha obra teatral pola que recibiron este ano os Premios María Casares á Mellor Dirección, á Mellor actriz protagonista, ás Mellor actriz Secundaria, e á Mellor música orixinal.

“O Segredo dos Hoffman” é unha adaptación da novela de Alejandro Palomas feita por Roberto Salgueiro. Nesta ocasión Rosa Álvarez dirixe a un elenco formado por Xosé Barato, Belén Constenla, Ernesto Chao e Rebeca Montero.  A música é de Fran Pérez “Narf”.

“O Segredo dos Hoffman”  conta a historia dunha familiar rota por un segredo oculto durante ano, pero que volve reunirse co pasamento da avoa Constanza. Os seus recordos, soños e anhelos describen un universo pechado, de enorme carga emotiva, nun texto coral que debulla unha historia intensa e envolvente.

Lagarta, Lagarta é unha empresa de produción teatral nada en 2001 que xorde da iniciativa de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dous actores de longa traxectoria profesional en Galicia. É unha compañía de actores creada co espírito de facer aqueles espectáculos e proxectos aos que moitos actores esperan e desexan enfrontarse, pero que, por diversas circunstancias, non se puideron levar a cabo no seu momento. Por este motivo busca estar aberta a todas aquelas propostas interesantes que poidan xurdir, motivo polo que non conta cun cadro fixo de profesionais senón que en cada caso, en cada produción, buscan os máis idóneos.

As entradas, para a función deste venres, teñen un prezo de 6€ e 4€ e pódense adquirir na web www.culturatui.info ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica.

Lagarta, Lagarta con “O Segredo dos Hoffman”
Lugar: Teatro Municipal
Data e hora: Venres, 12 de novembro, ás 21.30h
Entradas: 6€ - 4€
Duración: 95 min
Venda de localidades: en www.culturatui.info ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica

www.lagartalgarta.blogspot.com