Gastronomía e música encherán este sábado a rúa Compostela
A partir das 20 h poderase gozar das elaboracións preparadas por trece asociacións culturais e das actuacións de Circo Krasnovarak, Fanfarria Takicardia e Festicultores
A rúa Compostela de Tui será este sábado, 17 de agosto, o escenario dunha gran festa, a XII Festa do Miño coa Festa Gastronómica que comezará ás 20 h e se prolongará até pasada a medianoite.
Trece asociacións tudenses, Aloia de Pazos de Reis, Cristo da Agonía de Baldráns, Darraia de Tui, Laxes de Paramos, Lembranzas da Terra de Guillarei, O Mosteiro de Pexegueiro, Paramos, San Bartolomé, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Traxe de Tui, e Xuntanza de Randufe, elaborarán unha ampla e variada oferta gastronómica con prezos que oscilarán entre 1€ e 4€.
Non faltarán as empanadas tanto de trigo coma de millo, as empanadillas, tortillas, chouripan, pinchos morunos, minipizzas, croquetas ou bocadillos variados. Tamén haberá xamón asado, paella, quiche, callos, orella, e arepas. As sobremesas serán tamén moi variadas dende tortas de queixo, tres chocolates, de mazá, de piña, de améndoa, da avoa, de piña, leite fritida, arroz con leite, filloas, bolo de bolacha, bica, brownies, rosquillas, flan,… Haberá tamén algunha opción sen glute.
Ao longo da tarde noite non faltará a animación. Ás 20 h comezará con Circo Krasnovarak, ao abeiro do programa Cultura no Camiño da Xunta. É un espectáculo para todos os públicos no que Igor, o domador, e Nika a súa axudante saen buscar aos animais do circo, a elefanta Samanta, o rinoceronte Chino, a xirafa Josefa e o león Antón, que andan perdidos polas rúas da cidade. Música, animación, interacción co público, xincanas, bailes… nunha aventura para toda a familia da man de Troula Animación.
A partir das 21 h a música da Fanfarria Taquikardia encherá o recinto da festa con melodías balcánicas, pezas de música clásica ou cine, música tradicional galega e latina, para facer bailar a todo o público presente. Isman Bass, Berto Chiru, Petete, Garzón, Nico Ricón, Lucas, Rubén Chino, Candi, Chus Ptro da Matroa e Harrinho forman parte desta agrupación que presentarán en Tui o seu espectáculo de verbena-fusión-rap tamén dentro de Cultura no Camiño. Mentres ao abeiro do programa + Música da Deputación de Pontevedra o sábado estarán en Tui os Festicultores, unha banda de música de rúa que mestura a música, o baile e o bo humor. A partir das 22.30 h con eles a diversión está asegurada . Contan unha longa traxectoria de máis de 18 anos e máis de 900 actuacións en España, Polonia, Serbia, Francia, e Portugal.
A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, convida a achegarse este sábado á rúa Compostela e gozar desta Festa Gastronómica que un ano máis reunirá de seguro a miles de persoas. Sonsoles Vicente quere amais amosar o agradecemento ás trece asociacións participantes polo seu esforzo por levar adiante este evento e o coidado e mimo que poñen nas súas elaboracións nunha aposta pola nosa gastronomía tradicional.
Debido á celebración da Festa Gastronómica a rúa Compostela, no tramo comprendido entre as rúas Ourense e Betanzos, estará pechada dende o venres ás 8 h até o domingo ás 8h. Amais na rúa Mondoñedo, no tramo comprendido entre as rúas Lugo e Irmáns Maristas, estará pechada e non se poderá estacionar dende ás 8 h da mañá do sábado até as 8 h da mañá do domingo. Nese mesmo horario non se poderá estacionar na rúa Betanzos entre a rúas Compostela e Irmáns Maristas.