Francisco Peña presenta en Tui o seu libro “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo”
Será este mércores, 4 de xuño, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez
O profesor Francisco Peña Castiñeira presentará este mércores, 4 de xuño, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez, en Tui o seu novo libro “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo: as claves para afrontar as grandes ameazas do século XXI”. A obra é froito de 5 anos de intenso traballo, aglutinando no mesmo coñecemento, experiencia e visión de futuro.
En “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo” Francisco Peña vai máis aló do que son os datos e os aspectos estritamente científicos, abordando a saúde ambiental dende outros eidos como o social, o económico e mesmo político. Trátase dunha obra que convida ao lector a reflexionar e a actuar a prol dun futuro máis sostible.
Francisco Peña Castiñeira é doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e diplomado en Sanidade. É sobre todo é un apaixonado da saúde ambiental na que leva traballando 45 anos, un concepto que, a comezos da súa carreira, soaba estraño, desproporcionado e irreal, pero que o paso do tempo logrou colocar no seu sitio, estando hoxe na axenda política e social de todos os gobernos, con independencia de ideoloxías e tendencias. O libro, froito de 5 anos de intenso traballo, afonda en distintas cuestións ligadas ao medio ambiente: desde a biodiversidade á natureza e á educación, ata o ruído e os residuos, prestando especial atención ao cambio climático, que, aínda que xa irreversible a estas alturas, si pode ser amortecido coa colaboración da poboación, resultando necesario un proceso de adaptación ao mesmo para que o mundo teña a oportunidade de seguir avanzando como tal.
A concelleira de Cultura Sonsoles Vicente Solla agradece a presenza en Tui do autor, Francisco Peña, presentando esta obra na véspera do Día Mundial do Medio Ambiente coa que o Concello de Tui pretende unha sensibilización ambiental da cidadanía sobre esta temática. Este acto está dirixido, engade a concelleira, ás persoas as que lles preocupa o futuro do planeta e pretenden contribuír á construción dun mundo sostible.