A faceta musical de Salvado en Australia centra mañá as Xornadas Rosendo Salvado
Intervirán os musicólogos Xoán M. Carreira e Maruxa Baliñas
Mañá mércores, 26 de febreiro, ás 19.30 h o espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela acolle unha nova cita das Xornadas Rosendo Salvado. Será unha conferencia a cargo de Xoán M. Carreira e Maruxa Baliñas titulada “Salvado y la Sociedad Filarmónica de Perth”, na que afondará na actividade musical de Rosendo Salvado naquela cidade do occidente de Australia.
Xoán Manuel Carreira e Maruxa Baliñas son dous afamados musicólogos galegos, editor e directora respectivamente do diario musical “Mundoclásico”, ambos teñen estudado en profundidade a traxectoria musical de Rosendo Salvado, con especial incidencia nas fontes australianas. X.M. Carreira ten publicados diversos traballos de investigación sobre a traxectoria e a obra musical de Rosendo Salvado, estando considerado como un dos principais coñecedores desta dimensión artística do monxe tudense.
Esta conferencia forma parte dunha nova edición das Xornadas Rosendo Salvado dedicadas á reivindicación do excepcional legado que este egrexio tudense ten aportado ao longo da súa vida, lembrando a súa data de nacemento o 1 de marzo de 1814.
O xoves continúan estas actividades coa presentación e estrea da serie documental “Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia” dirixida por Valentín Carrera, na Casa de Galicia en Madrid e que contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.
O programa completarase este sábado, 1 de marzo, (CCXI aniversario do nacemento de R. Salvado en Tui) cun paseo “Salvadiano” percorrendo os lugares vinculados a Rosendo Salvado. Comezará ás 11.30 h na Praza de San Fernando e rematará ás 12.30h coa colocación dunha coroa de loureiro na casa natal de Salvado, rúa homónima no barrio de Riomuíños.
Como sinala a concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, a figura do tudense Frei Rosendo Salvado Rotea (1814-1900) é unhas das personalidades tudenses de maior proxección, interese e actualidade. A súa traxectoria atinxe a numerosos aspectos, dende a súa dimensión como misioneiro nas terras de Australia, a súa faceta como músico, investigador etnográfico ou naturalista, o seu labor de promoción da multiculturalidade ou dos dereitos humanos como defensor da existencia dunha única raza humana... son aspectos sobre os que compre afondar para divulgar a súa obra e traxectoria e contribuír a promoción da súa figura e da nosa cidade.