A exposición “Tui en letras” achega a poesía á veciñanza no Paseo da Corredoira
O paseo da Corredoira acolle estes días unha exposición de oito poemas cunha temática vinculada con Tui. Esta mostra de poemas de oito autores e autoras titulada “Tui en Letras”, está organizada pola Biblioteca Municipal tudense, co obxectivo de achegar a literatura á veciñanza no espazo público.
Os poemas de oito autores, de diferentes épocas e estilos, ofrecen diferentes olladas sobre a cidade de Tui, o seu territorio e as súas xentes. Nesta escolma atópase o poema que Golparro, un xograr da lírica galaico-portuguesa do século XIII, sobre a romaría de San Teerson; tamén o poema que o portugués Eugenio de Castro dedica á paisaxe tudense; ou o saudoso poema que escribe o bispo Manuel Lago dende as terras de Burgo de Osma, así como poemas de María Xosé Queizán, sobre o contrabando na fronteira, de Manuel Rivas sobre as súas vivencias no Baixo Miño, de Marga do Val, sobre o riso das nosas monxas “encerradas”, de Emilio Álvarez Blázquez, sobre a terra de Tui e a súa paisaxe, ou de Samuel Solleiro coa súa particular semblanza.
Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, esta nova actividade de fomento da lectura promovida pola Biblioteca Municipal enriquece a oferta que este centro bibliotecario vén realizando este mes de outubro co “Mes da Biblioteca” e que culmina con esta exposición na rúa “coa que a poesía sae ao encontro da veciñanza para achegar e divulgar a creación escrita con poemas relacionados con Tui”.
Esta iniciativa conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
 
 




