“A Exposición Secuestrada. Estampa Popular Galega. Tui 1968” prorrógase até o 16 de novembro
A mostra “A exposición secuestrada. Estampa Popular Galega, Tui-1968” inaugurada o pasado 27 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui amplía o prazo de visita do público ata o 16 de novembro á vista do éxito de público e ás numerosas petición recibidas ao respecto.
Esta mostra, comisariada por Xosé Enrique Acuña, é froito da colaboración entre o Concello de Tui e Fundación Xavier Pousa, recupera a exposición orixinal de “Estampa popular galega” que no mes de setembro de 1968 fora prohibida polas autoridades da ditadura franquista tras ser programada no desaparecido Restaurante-Bar Galicia de Tui despois de que previamente percorrera sen especiais problemas outras localidades galegas.
Desde o Concello de Tui, sinala a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición ten suscitado un grande interese, tanto de público como de medios de comunicación, polo que significa de recuperación da memoria democrática local pero especialmente porque a exposición acada o obxectivo de restituír e homenaxear a este movemento artístico e social de Estampa Popular Galega “como recoñecemento aos homes e mulleres que promoveron, en tempos de limitacións das liberdades políticas e sociais, a chegada de novos aires que invitaban a olladas diferentes, á frescura da creación artística, o rexurdimento da vida social e así rachar coa estreiteza e escuridade á que o franquismo nos tiña condenados”.
Esta mostra pódese visitar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica) ata o vindeiro sábado 16 de novembro en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 h e de 15.30 a 20.30 h. Os sábados abre de 09.00 a 13.00 h.
Estampa Popular Galega e a exposición en Tui
A Estampa Popular Galega (EPG), foi movemento artístico de vangarda creado en Galicia ese mesmo ano 1968 onde se agrupaban un grupo de pintoras e pintores descontentos co réxime franquista e que como norte teórico tiñan a intención de “achegar a arte ao pobo”. Encabezados por Raimundo Patiño e Xavier Pousa, optaron por expoñer a súa obra en lugares populares como feiras, bares ou tabernas sempre en forma de gravados e con prezos populares. A EPG seguía a estela dunha serie de movementos semellantes que se desenvolveran por toda España desde 1959 e que estiveron sempre impulsados por artistas que se movían dentro da oposición á ditadura franquista.
En Tui, a mostra da Estampa Popular Galega foi secuestrada pola policía franquista baixo a acusación de inxurias ao exército despois de ser programada no Bar-Restaurante Galicia. Os promotores da exposición foron detidos, o pintor Xavier Pousa, foi encarcerado posteriormente, e Elvira M. Villa, quedou logo en libertade, os dous promotores da exposición, pasaron a ser sometidos a un procedemento aberto pola xustiza militar que sería finalmente sobreseído tras transcender esta actuación represiva incluso na prensa europea.
Na exposición se ofrecen gravados de Raimundo Patiño, Lodeiro, Sevillano, Barreiro, Bea Rey, Alfonso Gallego Villa, Pedro Agrelo, Vázquez Diéguez, Xulio Maside e Laxeiro. Tamén os que presentaron Elvira M. Villa, Xavier Pousa e Xosé I. Pedrosa, o autor da estampa que en Tui foi especialmente denunciada por “injurias al Movimiento Nacional”. En paralelo, se ofrecen unha serie de documentación orixinal da EPG e materiais gráficos de contexto que á súa vez están recollidos no catálogo que se edita con motivo da mostra.
Tras a resolución do conflito por parte do xulgado militar eventual de Pontevedra, os gravados incautados foron devoltos aos impulsores da mostra de Tui e pasaron a ser custodiadas por Xavier Pousa. Falecido o pintor, a súa viúva, a galerista Carmela Arbones, resgardounos no seu domicilio e durante décadas alí foron salvagardados. Agora, reaparecen 56 anos despois para ser de novo expostos, coa singularidade de que se amosan tal e como se descubriron. Segundo Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, “se exporán sen agochar nin as súas feridas nin tampouco as cicatrices que padeceron tanto polo seu ocultamento preventivo, como todo aquilo que, sobre elas, causou o paso do tempo” e mais tamén para “abordar a primeira homenaxe a este movemento artístico que se realiza en Galicia”.
O acontecido con esta exposición secuestrada en Tui en 1968 significou o final real do movemento da Estampa Popular Galega. Pousa e Elvira M. Villa, os seus compoñentes principais, sentiron o peso da represión e das ameazas que recibiron por parte da Brigada Político-Social, a policía política franquista, na comisaría de Pontevedra e mesmo tras a súa liberdade estiveron continuamente vixiados.