A Eurocidade Tui-Valença transforma os meses do ano en solidariedade no seu calendario compartido
Poderase obter a partir de mañá mércores a cambio de 2 quilos de alimentos non perecedoiros
A Eurocidade Tui-Valença vén de editar o calendario do ano 2026 que se transformará en solidariedade grazas ás aportacións da veciñanza dos dous municipios.
Cada exemplar do almanaque poderase obter a cambio de dous quilos de alimentos non perecedoiros. Así a Eurocidade Tui-Valença transforma os meses do ano en solidariedade.
No caso de Tui poderá recollerse un exemplar do almanaque na casa do Concello e as doazóns serán entregadas á asociación asistencial SOS Tomiño-Baixo Miño e aos propios Servizos Sociais comunitarios. Mentres en Valença poderase obter na Biblioteca Municipal e no Posto de Turismo e serán entregados nos centros de ensino do Agrupamento de Escolas de Muralhas do Minho. A comida recadada en Valença será destinada á Loja Social do Municipio de Valença.
Cada páxina do calendario de 2026 está ilustrada cunha fotografía. No caso de Tui son distintas vistas e panorámicas da Catedral con motivo do 800 aniversario da consagración do templo catedralicio que resaltan o valor patrimonial e artístico deste templo testemuña da historia deste territorio durante oito século. No caso de Valença as imaxes elixidas son da Fortaleza de Valença coa igrexa de Sao Estevao, da capela de Nossa Senhora do Faro, do mosteiro de San Fins, da capela de Sant Ana, da estatua de San Teotonio coa capela militar do Bom Jesús, e unha imaxe aérea de Valença.
A Eurocidade Tui-Valença, coa edición deste calendario compartido, tende un ano máis pontes de amizade e solidariedade que estenderan ao longo de 2026.





