Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A escultura románica e gótica da catedral centra a visita guiada da profesora Marta Cendón

8/08/2025

Terá lugar o próximo martes, 12 de agosto, dentro do ciclo “Coñece o noso patrimonio” do Instituto de Estudios Tudenses

O próximo martes, 12 de agosto, a partir das 20.30 h terá lugar unha nova visita do ciclo “Coñece o noso patrimonio” que organiza o Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui.

Esta visita, que se iniciará na fachada norte da catedral, na rúa Párroco Manuel Rodríguez Vázquez, estará a cargo da profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández. Estará dedicada á “A escultura románica e gótica na catedral de Tui” e analizará as representacións escultóricas de época medieval que se conservan no exterior da catedral tudense.

A investigadora tudense Marta Cendón licenciouse en 1989 coa especialidade de Arte Antiga e Medieval; é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese sobre  “Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara” (1995) dirixida por Dr. Manuel Núñez Rodríguez. Ademais, realizou estudos en Estrasburgo, Madrid, París e Perugia. Ten realizados diversos traballos de investigación recollidos en varios libros e numerosos artigos. Entre as súas principais publicacións destaca "La catedral de Tui en época medieval", un templo ao que ten dedicado unha especial atención en numerosos traballos e proxectos de investigación. Marta Cendón é unha das maiores especialistas na arte de época medieval en Galicia e na actualidade é presidenta do Instituto de Estudios Tudenses.

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana María Núñez Álvarez agradece este iniciativa do Instituto de Estudios Tudense que promove un achegamento aos bens patrimoniais tudenses contribuíndo a súa promoción e difusión, especialmente da catedral agora que estamos encamiñados á celebración do oitocentos aniversario da súa consagración.