Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A escritora de Valença María José Areal presenta este xoves na Biblioteca Municipal o seu novo libro

24/05/2022

“No chão do Caminho – Contos”  recolle un total de 21 relatos. O acto forma parte do programa “Tui en letras”

Este xoves, 26 de maio, ás 20.30 h a Biblioteca Municipal de Tui acolle a presentación da nova obra da escritora de Valença, María José Areal, titulada “No Chão do Caminho – Contos”.

Nesta nova obra, recentemente editada, a autora vai camiñando “na memoria e travessuras, aliciamentos, lamentos, esplendores e alforrias”.  “No Chão do Caminho – Contos” está formado por 21 contos “a falar dos homes e das mulleres, do río e da serra, de pobreza e da miseria, de solidariedade e do amor, por enriba de todo, fala da vida”.

Maria José Areal, profesora xubilada, desempeña hai varios anos a misión de coordinadora da Comunidade de Lectores – “Té con Letras” nas localidades de Valença, Vila Nova de Cerveira e Caminha, que se reúnen semanalmente en torno a un autor e as súas obras.

Maria José Areal dá a coñecer a súa vocación poética, con “Pedaços de Mim” (1999), “Á Deriva” (2004) e “Sabor a sal e a mel” (2006). En 2009/2010, foi coordinadora e coautora dos volumes I e II de historias de vida titulados “Pedaços de Memorias - Itinerários no Tempo e no Espazo”. En 2017, edita “Assím me deito, Assím me levanto”(2017). Revelando unha transversalidade de temas e contidos, a autora publica, en 2015, un novo libro de poesía, “Há dias que não sei de mim e outros que pouco de mim sei” (2015), e tres obras de contos, “Na Eira dos Pardais” (2013), “Rendas do meu decote” (2016), “Carro Vermelho” (2016)  así como “Barras da minha saia – quase um diário I” (2019).

Neste amplo abano de obras editadas por María José Areal destaca un sentimento común: a entrega e a paixón en cada palabra, en cada frase, en cada relato.

A concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, destaca que coa presentación deste libro “procúrase afondar no mutuo coñecemento entre as localidades de Tui e Valença ao abeiro do proxecto da Eurocidade que promove o encontro e a colaboración entre tudenses e valencianos, que compartimos un territorio e unha cultura” nesta ocasión a través da presentación da nova obra literaria de María José Areal.

Esta actividade forma parte do programa de dinamización da lectura e da nosa lingua “Tui en letras” que se desenvolve neste mes de maio e no de xuño co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra.