Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Do 1 ao 17 de abril celébrase a Festa do Meixón en sete restaurante tudenses

30/03/2023

Dende o Concello apóstase por este festexo que pon en valor a gastronomía e hostalería local e que contribúe á promoción turística da cidade

Do 1 ao 17 de abril volverá celebrarse en Tui a Festa do Meixón. Dende o Concello apóstase por reeditar unha nova edición deste evento gastronómico que se volverá a celebrar en distintos restaurantes da cidade.

A Festa presentouse esta mañá no edificio da praza da Inmaculada por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, dos representantes das empresas subministradoras do meixón Rubén Estévez de Pesbami e Consuelo Fernández de Benítez Fernández SL, xunto a Paulo Manuel Barros do Asador Paulo, Pilar Alonso e Laura Méndez de El Molino, María Domínguez de O Novo Cabalo Furado, e Miguel Rodríguez e Emilio González do Parador, e de Olalla Ruibal da adega Edmun do Val.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembrou na presentación coma a Festa do Meixón conta cunha longa tradición de case 60 anos, un tempo no que pasou por moitos avatares. Enrique Cabaleiro sinalou que “ é de crucial importancia seguir apostando por esta celebración dada a tradición que ten”. Nese senso aludiu que precisamente esta cita gastronómica durante as festas patronais de San Telmo foi un dos motivos polo que estes festexos foron declarados de Interese Turístico Galego.  O rexedor tudense engadía que amais o meixón  “é un produto que se identifica moito con Tui coa súa historia, e é un elemento de posta en valor da propia gastronomía tudense e da propia hostalería”. Por iso sinalaba que dende a “ administración debemos seguir apostando e debemos seguir apoiando e contando coa implicación dos representantes da hostalería, porque  a gastronomía forma tamén unha parte do que é o noso legado patrimonial intanxible e que tamén pon en valor a nosa cidade”. Concluía indicando coma a  gastronomía é un recurso de promoción turística importante “e non podemos olvidar que o turismo é unha das nosas principais fontes de desenvolvemento económico e social”. Tamén sinalaba coma esta Festa “é  un escaparate para a hostalería”. 

Pola súa parte a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, agradeceu aos restaurantes participantes "manter viva esta longa tradición na nosa cidade deste produto tan singular e que tanto nos identifica, que é xoia do noso río Miño". 

Rubén Estévez e Pesbami, empresa subministrador do produto xunto a Benítez Fernández S.L., indicou coma “o meixón do Miño está catalogado coma o mellor meixón de España  para os restaurantes”, ao tempo que fixo fincapé na importancia de “continuar con esta festa que é moi importante para a zona”. Sobre o meixón desta temporada salientou a súa calidade e explicou que, aínda que houbo algo máis de capturas que outros anos tamén se produciu unha maior demanda, o que provocou unha pequena alza nos prezos”.

Tomou tamén a palabra a veterana cociñeira Pilar Alonso do Restaurante El Molino quen salientou que truco na preparación deste produto está na súa calidade, algo que o meixón do Miño cumpre con creces. 

A Festa do Meixón 2023 celebrarase dende este sábado, 1 de abril, até o luns 17, luns de San Telmo no Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo  Cabalo Furado, e Parador de Tui. Nestes restaurante poderase degustar unha tapa de meixón por un prezo de 79€ previa reserva no propio establecemento.