Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A corporación municipal de Tui celebrará mañá un pleno extraordinario urxente e emitirá unha declaración institucional tras o suceso de Paramos

24/05/2018

Foron declarados tres días de loito oficial. Os veciños afectados están convocados a unha reunión mañá ás 11h no Centro Cultural de Guillarei, onde está o punto de atención.

A corporación municipal de Tui celebrará mañá ás 20h pleno extraordinario urxente para ratificar os tres días de loito de oficial logo do suceso acaecido no día de onte na parroquia de Paramos, no que faleceron dúas persoas e unha trintena resultaron feridas. Este será o primeiro punto desta sesión plenaria, na que no segundo punto se realizará unha declaración institucional.

Esta mañá o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, declarou tres días de loito oficial, que mañá serán ratificados polo pleno. As bandeiras na casa do concello ondean dende esta mañá a media asta en sinal de loito. Foron suspendidos todos os actos municipais durante tres días, e se amosa a condolencia e solidariedade deste Concello e de todos os seus veciños coas vítimas desta catástrofe.

Dende onte á tarde o centro de atención aos afectados está situado no Centro Cultural de Guillarei, onde se ten proporcionado atención psicolóxica, aloxamento, roupa, comida aos veciños afectados.

Precisamente mañá os veciños afectados pola explosión están convocados ás 11h no centro cultural de Guillarei a unha reunión con responsables do Instituto Galego de Vivenda e Solo onde se lles informará das axudas ao alugueiro e para a rehabilitación das súas vivendas.