Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Contacontos para bebés mañá martes na Biblioteca Municipal de Tui

13/10/2025

Será ás 17.30 h con Lalá Teatro e “Estás como unha cabra”

A Biblioteca Municipal tudense continúa desenvolvendo o seu programa de actividades do “Mes da Biblioteca” cunha nova cita mañá martes, 14 de outubro, ás 17.30 horas. Desta volta, a Biblioteca Municipal ofrece unha sesión de contacontos para bebés titulada “Estás como unha cabra” a cargo da compañía Lala Teatro con Noelia Porto.

Nesta sesión de contacontos teremos na biblioteca tudense á Cabra Chiña que está algo rara estes días, que lle pasará? Creo que ten un lío coas emocións. Imos axudarlle a recoñecelas e ordenalas. Todos temos algo que nos pon moi tristes ou moi contentos, ou temos algo que nos calma cando temos medo. Iremos identificando as nosas emocións mediante xogos, estímulos sensoriais, contos e música.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, con esta nova actividade de animación á lectura, dirixida neste ocasión para os máis cativos e as súas familias, a Biblioteca Municipal tudense continua coa súa oferta de promoción da lectura pública centrada neste mes de outubro en que se celebra o vindeiro día 24 a “Día da Biblioteca” nunha programación con ata nove actividades diversas para os usuarios deste centro bibliotecario e a cidadanía en xeral.