Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Concelleria de Cultura entrega un equipo informático aos centros culturais das parroquias

6/05/2011

A CONCELLERIA DE CULTURA ENTREGA UN EQUIPO INFORMATICO AOS CENTROS CULTURAIS DAS PARROQUIAS

 

Venres, 6 de maio de 2011. Na tarde de onte, xoves 5 de maio, o Alcalde de Tui e o concelleiro de Cultura, acompañados doutros membros do equipo de goberno, fixeron entrega dun equipo informático completo aos representantes dos once centros culturais das parroquias do municipio de Tui.

 

O concelleiro Moisés Rodríguez Pérez no decurso da súa intervención fixo referencia a que con este acto o goberno municipal cumpría un obxectivo marcado de promover a dinamización destes centros culturais das parroquias. Hai varios meses foi completada a instalación dunha rede wifi –realizada ao abeiro do Plan E- que posibilita que todos estes locais teñan acceso á rede Internet en condicións axeitadas, superando a chamada “fenda dixital” que afecta a moitas zonas rurais. Un segundo compromiso foi o de fornecer a estes centro dun equipo informático permanente para que os seus usuarios poidan acceder á rede. No día de onte este equipos foron entregados aos representantes destes once centros culturais das parroquias tudenses.

 

Pola súa banda o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, aproveitou este acto para agradecer persoalmente a todos os centros culturais e os seus equipos directivos a colaboración que, ao longo do seu mandato, atopou entre eles, e apostando porque con estes equipos informáticos estes locais de cada parroquia tudense amplíen a súa oferta de actividades aos seus veciños.

 

Deste xeito ao abeiro deste investimento o Concello de Tui a través da súa Concellería de Cultura promove a creación dunha rede de centros que fornecen acceso a internet gratuitamente aos nosos veciños, independentemente da parroquia na que residan. Favorecendo así o acceso en igualdade de todos os cidadáns ás novas tecnoloxías da información e a comunicación