Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Concellería de Cultura agradece a gran reposta do público á programación cultural

1/12/2011

Dende setembro tense rexistrado unha media de 345 espectadores por función

A Concellería de Cultura de Tui agradece a gran resposta do público nos once espectáculos que se teñen celebrado até o momento no Teatro Municipal de Tui ao abeiro da programación do último semestre do ano.

Un total de 4.148 espectadores asistiron ás doce funcións realizadas dende o pasado mes de setembro, o que da unha media de 345 espectadores.

O Teatro Municipal acolleu tres espectáculos infantís con Panamesiana Teatro, Pista Catro e Tanxarina Títeres que reuniron a 1.060 persoas, o que da unha media de 353 espectadores por función infantil. Mentres no teatro de adulto a media está nos 438 espectadores. Fulano, Mengano e Citano; Lagarta, Lagarta; Eme2 e Talía Teatro reuniron a 2.194 persoas no patio de butacas. Aquí compre salientar o éxito logrado por Eme2 con “O Florido Pensil”  que encheu o patio de butacas nas dúas sesións celebradas. A danza foi outra das apostas desta programación con Sine Die de Paula Cobián Escola de Danza que reuniu a 385 persoas. Deste xeito tanto en teatro como en danza todas as funcións superaron nestes meses os 300 espectadores, o que demostra que estes son xa xéneros consolidados na programación cultural tudense. Compre salientar que esta cifra é case o dobre da media que se rexistra na Rede Galega de Teatro e auditorios onde hai 151 espectadores por función.

Neste semestre iniciouse amais unha aposta nova pola música, que abrangueu  o 20% desta programación, con tres concertos a cargo de Nadadora, Xosé Manuel Budiño e Víctor Coyote, onde se logrou unha media de 169 espectadores. Dende a Concellería de Cultura avanza que seguirán traballando nesta liña para consolidala entre o público ao igual que se ten feito xa co teatro e a danza.

Outro dato salientable desta programación é a venda de entradas por internet ao través da web www.culturatui.info que se consolida coma canle de venda ao rexistrar xa o 45,6% das adquisicións de entradas.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, quere amosar o seu agradecemento ao público que se achega ata o Teatro Municipal de Tui, e que coa súa presenza fan posible que esta programación sexa todo un éxito. Do mesmo xeito quere agradecer o seu traballo e colaboración das distintas compañías e técnicos que co seu bo facer fan tamén realidade este proxecto cultural. Vanesa Rodríguez salienta por outra parte que dende o seu departamento se teñen mantido os prezos das entradas, apostando por prezos asequibles, máis nestes tempos difíciles, para que así todo o mundo poida ter acceso á cultura, e ao tempo premiando a fidelidade do público.

Da programación prevista para este segundo semestre do ano restan por disfrutar dous espectáculos. O día 23 de decembro actuará no Teatro Municipal de Tui o mago Cayetano Lledó, e o día 30 celebrarase o tradicional concerto de Fin de Ano.

Por outra parte a Concellería de Cultura está xa traballando na programación do primeiro semestre de 2012, que comezará no mes de febreiro.