Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comeza hoxe a III Semana de Teatro Afeccionado

25/04/2011

Cinco agrupacións afeccionadas de Tui protagonizan a III Semana do Teatro Afeccionado

Serán máis de 60 actores e actrices os que dean vida aos distintos personaxes

As representacións serán do luns 25 ao venres 29 ás 21h no Teatro Municipal

 

Mércores, 20 de abril de 2011.  Entre o luns 25 e o venres 29 de abril, coincidindo coas Festas de San Telmo, vaise celebrar en Tui a III Semana do Teatro Afeccionado organizado pola Concellería de Cultura de Tui. Esta programación foi presentada esta mañá na Casa do Concello de Tui polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, e representantes das cinco agrupacións que van participar nesta iniciativa.

 

Esta programación é unha aposta da Concellería de Cultura pola teatro afeccionado que se fai en Tui, dándolles a oportunidade de poder actuar nas mesmas condicións que o fan os profesionais. As dúas primeiras edicións resultaron todo un éxito, e agárdase que o público volva responder positivamente este ano.

 

Na presentación desta mañá o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez destacaba que “ara nós é un orgullo que nas Festas de San Telmo que estas asociación culturais veñan ofrecer o mellor de sí no teatro”, lembrando que tamén durante as festas estes colectivos ofrecerán unha mostra folclore e de playbacks, nos festivais que se van celebrar este domingo 24 de abril e o sábado 30. Engadía que isto é unha boa sinal “da boa saúde cultural que hai no noso municipio, sobre todo grazas ás directivas e os socios dos centros culturais polo enorme esforzo que fan día a día para conseguir que iso funcione” pese aos poucos recursos con que conta.

 

O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, pola súa parte fixo un símil futbolístico é dixo que “Tui está na Champions league” indicando que “tedes que xogar nun gran escenario e ese gran escenario evidentemente é voso”. Ao tempo salientou o mérito que teñen ao compaxinar esta actividade nos centros culturais cos seus traballos.

 

Logo cada un dos representantes dos centros culturais expuxo as características das obras que van representar cada día ás 21h. Ao longo da semana serán máis de 60 actores e actrices os que dean vida aos distintos personaxes. Os primeiros en actuar o luns van ser Grupo de teatro “Mesturanzas” da Asociación Seixos Albos de Areas coa estrea da obra “A voltas co C.I.” que conta as circunstancias estrañas que acontece coa chegada dunha carta do goberno central á Xunta. Tamén o grupo de teatro Caldemiños da Asociación A Insúa de Caldelas vai estrear, neste caso o martes, “A carreira do Manoel” na que contan a historia dun mozo que non quere estudar pero que os pais e a moza o convencen para ir á universidade. O mércores será a quenda do grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntanza de Randufe que leva a escena “O Zarandallo”, unha obra que xa presentaron na Casa Cultural da parroquia. Esta comedia narra a historia da volta a súa aldea dun home que emigrou ás Américas. O xoves o grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns presenta “Ollo cos estudantes” escrita en 1930 por Manuel Bergueiro López. Está baseada na picaresca dos estudantes universitarios. E por último o venres pecha esta semana do teatro o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui que estrea dúas obras curtas “La farsa del cornudo apaleado” e “Cada cosa en su lugar”.

 

As entradas para cada representación se van por á venda o mesmo día da función ás 19.30h ao prezo dun euro no despacho de billetes. As entradas son sen numerar.

 

 

III  Semana do Teatro Afeccionado

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Entrada: 1€  sen numerar- Retirar dende ás 19.30h no despacho de billetes

Programación:

  • Luns 25 ás 21h: Grupo de teatro “Mesturanzas” da Asociación Seixos Albos de Areas representa “A voltas co C.I.”
  • Martes 26 ás 21h: Grupo de teatro Caldemiños da Asociación A Insúa de Caldelas presenta “A carreira do Manoel”
  • Mércores 27 ás 21h: Grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntanza de Randufe leva a escena “O Zarandallo”
  • Xoves 28 ás 21h: Grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns presenta “Ollo cos estudantes”
  • Venres 29 ás 21h. Grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui leva a escena “La farsa del cornudo apaleado” e “Cada cosa en su lugar”.