A Biblioteca Municipal de Tui incrementou nun 30% os préstamos no primeiro semestre de 2024
Nos seis primeiros meses do ano máis de 9 mil libros foron retirados para a lectura a domicilio. Incorporáronse case 600 novos exemplares
Significativo incremento rexistrado pola Biblioteca Municipal de Tui nos seis primeiros meses deste 2024 no que se refire ao préstamo de libros. Así no primeiro semestre deste ano a Biblioteca Municipal de Tui prestou 9.195 libros, o que representa un 30% máis que os retirados para a lectura a domicilio no mesmo período do ano pasado, cando foron 7.005 os exemplares emprestados.
Do total de 9.195 libros prestados 5.138 foron préstamos a usuarios infantís (ata 14 anos de idade) o que supón o 55,9% do total, mentres que as persoas usuarias adultas retiraron un total de 4.057 exemplares (44,1%).
A Biblioteca Municipal tudense conta con 855 usuarios activos, ou sexa usuarios que retiraron volumes ao longo deste ano 2024, dos que 347 son menores de 14 anos e 508 maiores desa idade
Ao longo deste 2024 incorporáronse un total de 580 novos exemplares á colección bibliográfica financiados con fondos propios do Concello de Tui, subvencións da Xunta de Galicia e doazóns particulares. A biblioteca tudense conta na actualidade cunha colección bibliográfica de 33.098 obras a disposición dos seus usuarios que teñen aumentado en 207 novas persoas nestes primeiros meses do ano 2024.
Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, estes datos expresan o dinamismo do centro bibliotecario tudense e a súa ampla oferta bibliográfica que posibilita o acceso á cultura dos tudenses e da veciñanza da nosa contorna que atopan nesta Biblioteca un servizo de lectura pública que tratamos de mellorar cada día. A concelleira Sonsoles Vicente destaca tamén o éxito da última iniciativa de difusión do libro a lectura promovido pola biblioteca tudense como é “A casa dos libros orfos” instalada nun quiosco da Praza da Inmaculada onde se poden coller e/ou depositar libro usados de xeito libre a gratuíto.
Sinala a concelleira de Cultura que “a nosa pretensión é consolidar a biblioteca como un lugar de cultura, educación e de ocio creativo respondendo ás necesidades da nosa cidadanía”.