Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal de Tui acolle novas actividades no mes de Novembro

9/11/2010

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI ACOLLE NOVAS ACTIVIDADES NO MES DE NOVEMBRO
Unha sesión de monicreques e un obradoiro literario oferta de outono

Martes, 9 de novembro de 2010. A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa traballando na promoción do libro e a lectura mediante, entre outras actuacións, a oferta de actividades de animación dirixidas aos diversos sectores de potenciais usuarios deste centro bibliotecario.

Agora no mes de novembro e coa denominación de “Outono na Biblioteca” ofértanse dúas actividades: o vindeiro mércores 10 de novembro “O galo Quirico e os seus amigos” e o martes 16 de novembro  “Ti contas: obradoiro de escritura creativa”.

Este mércores a compañía “Seisdedos Títeres” representará na Biblioteca Municipal de Tui a partires das 17.30 horas o seu espectáculo “O galo Quirico e os seus amigos” baseado no libro publicado polo escritor Bernardino Graña. Xunto con algún número de marionetas tradicionais os espectadores participan cantando e danzando. É unha posta en escena con marionetas e teatriño de cartón  con música en directo interpretada polo acordeonista Carlos Quintá. Esta actividade está dirixida ao público infantil e forma parte do programa “Letras Vivas” que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Para o Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez, estas novas actividades da Biblioteca Municipal consolidan a dinámica deste servizo bibliotecario de achegar o libro e a lectura aos cidadáns por medio de actividades diversas de animación e que converten á nosa Biblioteca nun centro vivo de difusión e promoción da cultura.