As bandas de música de Jumilla e Tui actúan este venres na praza de San Fernando
Será ás 21 h no XXIX Festival de Bandas de Música
O son das bandas de música pechará este venres, 23 de agosto, ás 21 h na praza de San Fernando a programación “Tui, verán na rúa” coa celebración do XXIX Festival de Bandas de Música.
Este evento, clásico no verán tudense, estará protagonizado pola Asociación Musical Julián Santos de Jumilla de Murcia e pola Banda de Música Popular de Tui, que ofrecerán un variado repertorio que irá dende a música tradicional, onde non faltarán os pasodobres, até composicións máis contemporáneas, con sonoraidades galegas, españolas e portuguesas.
Abrirá o festival Asociación Musical Julián Santos de Jumilla baixo a dirección de Salvador Pérez Sánchez para interpretar “Tierra” de Santiago Quinto Serna, “Rapsodia Gallega” de Julián Santos, “Lusitanidades” de Carlos Marqués, “Hispania” de Óscar Navarro e “Canto a Murcia” de Francisco Alonso.
A Asociación Musical Julián Santos de Jumilla fundouse en 1989 e conta na actualidade con máis dun centenar de integrantes. Ten realizado numerosas actuacións en toda a rexión de Murcia, pero tamén en España e no estranxeiro destacando a súa participación no “6th International Carlsbad Wind Music Festival” en Karlovy Vary na República Checa. No seu haber ten entre outros, o Primeiro Premio do XII Certamen Nacional de Bandas de Música de Murcia. Teñen dous traballos discográficos “V Aniversario”, e “25 Años de Música”.
A Banda de Música Popular de Tui, dirixida por Eloy Carrera, interpretará “Bagaxes” de Carlos Rodríguez, “Satierf Odracir” de Nuno Osorio e “Suite Galaica” de Antón Alcalde Rodríguez. A banda tudense comezou a súa andadura a finais do século XIX, suspendendo a súa actividade até en dúas ocasións ao longo do século XX, para retomala xa de xeito estable no anos 80. Son numerosos os concertos que ten ofrecido en Galicia, Portugal, Arxentina, e noutros puntos de España. Este verán participou no Certame Nacional da Bandas de Música en Málaga e o ao pasado foi a banda convidada no festival de bandas de música de Jumilla. A súa presenza é habitual en festas e romarías en Tui e toda a contorna a semana pasada participaron nas festas da Virxe do Camiño e de San Roque, e esta próxima fin de semana estarán nas festas de San Bartolomeu e da Virxe da Rocha en Caldelas.
Programa
Asociación Musical Julián Santos de Jumilla (Murcia)
Director: Salvador Pérez Sánchez
- Tierra – pasodoble Santiago Quinto Serna
- Rapsodia Gallega – rapsodia Julián Santos
- Lusitanidades Carlos Marqués
- Hispania – fantasía Óscar Navarro
- Canto a Murcia – La Parranda Francisco Alonso
Banda de Música Popular de Tui
Director: Eloy Carrera Bernárdez
- Bagaxes – pasodoble Carlos Rodríguez
- Satierf Odracir Nuno Osorio
- Suite Galaica Antón Alcalde Rodríguez