Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aula Cemit de Tui acollerá o Campamento Dixital da Fundación Cibervoluntarios

8/08/2025

As idades ás que vai destinado son de 9 a 17 anos en distintas quendas

Estimular a creatividade a aprendizaxe dixital de nenos e nenas e adolescentes é o obxectivo do Campamento Dixital da Fundación Cibervoluntarios que se vai impartir na aula CEMIT de Tui este mes de agosto e o de setembro. Trátase dunha unha iniciativa impulsada por Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia, financiado por Fondos Next Generation da Unión Europea, que neste caso conta coa colaboración do Concello de Tui.

Educadores especializados serán os encargados de guiar ás e aos participantes nesta actividade que se desenvolverá nun entorno dinámico e motivador na Aula CEMIT, no edificio Francisco Sánchez. As idades ás que vai dirixida son de 9 a 17 anos.

Ao longo dos cinco días do campamento os nenos e nenas, mozos e mozas contarán coas ferramentas para converterse en expertos dixitais. Ao remate recibirán un certificado DigComp, que acreditará as competencias dixitais adquiridas.

Aprenderán competencias dixitais clave como o uso responsable das redes sociais, a creación de contidos, a seguridade en Internet ou a programación básica. Por exemplo, un dos exercicios consiste en detectar noticias falsas a través de xogos interactivos. Outro, en aprender que é a pegada dixital ou as cookies. Ademais, os contidos están adaptados á idade de cada participante.

Haberá dous grupos en función da idade dos e das participantes.  Do 25 ao 29 de agosto para mozos e mozas con idades entre os 14 e os 17 anos, e do 1 ao 5 de setembro para nenos e nenas de 9 a 13 anos. Nos dous casos o horario será de luns a venres de 9 a 14 h.

A participación é gratuíta e as persoas interesadas poden realizar a solicitude de praza a través do seguinte enlace https://campamentodigital.org/#apunta-gratis.