Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Até o 10 de xuño pódense presentar as solicitudes para a realización das fogueiras de San Xoán

21/05/2024

Ante a celebración no mes de xuño da tradicional festividade de San Xoán e a previsión de realización de cacharelas as persoas interesadas deben presentar no Concello de Tui a correspondente solicitude de autorización da fogueiras.

Para iso deben presentar o impreso de solicitude, dispoñible en tui.gal, xunto coa documentación requirida, entre a que figura plano de situación e memoria descritiva, por rexistro xeral ou na sede electrónica até ás 13.30 h do 10 de xuño, tal e coma se informa nun bando da alcaldía.

No impreso débese indicar o lugar onde se vai realizar a fogueira así coma a data prevista. Lémbranse as normas de obrigado cumprimento coma situarse en zonas idóneas, non podendo levarse a cabo en terreos de natureza forestal, ou preto deles ou de vexetación susceptible de propagar o lume, nin baixo o arboredo de parques e xardíns. Non poderán facerse tampouco en praias ou preto de elementos do patrimonio histórico. Na normativa recóllese que non se poderán queimar pneumáticos, plásticos, aceites, ou calquera substancia que conteña líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

Amais as fogueiras debe situarse como mínimo a 20 metros de casas ou árbores, e non poderán ter un diámetro superior aos 4 metros e unha altura máxima de 2 metros. Será preciso contar con póliza de seguro de responsabilidade civil, mangueiras e extintores, unha pequena caixa de primeiros auxilios, entre outros.

O Bando da Alcaldía e o impreso de solicitude pódense consultar na web tui.gal.

 Solicitude autorización fogueiras de San Xoán 2024