Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ampliado até o 6 de outubro o prazo para solicitar as axudas da Xunta aos afectados de Paramos e Guillarei

29/08/2018

A Xunta de Galicia amplia un mes - até o 6 de outubro - o prazo para solicitar as axudas aos afectados pola explosición de material pirotécnico o 23 de maio no barrio da Torre. Así o avanzou hoxe a conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez na xuntanza que mantivo no Centro de Afectados co alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e a Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei.

O prazo para solicitar as axudas pechaba inicialmente o próximo 6 de setembro, e se amplía así nun mes, segundo a conselleira para que veciños teñan máis tempo para decidirse a solicitar estas axudas e reunir a documentación necesaria. Explicou tamén que até o momento se presentaron 107 solicitudes para reparar vivendas e enxoval doméstico, das que 66 tiveron xa resolución favorable  por importe de 1,5 M€, dos que xa están aboados máis do 40%. Tamén teñen concedido 21 subvencións para aloxamento provisional.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, agradecía  a Xunta as medidas que están tomando, e avanzaba que a próxima semana estará rematado o proxecto de xestión de residuos encargado polo Concello de Tui. Este documento será remitido á delegación do goberno agardando que se cumpra o compromiso verbal e o goberno central se faga cargo do desentullo. 

Dende a Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei volveron insistir na importancia da exención fiscal das axudas que poidan percibir os afectados.