Actos vandálicos nas pistas de tenis de Areas causan destrozos nestas instalacións municipais
As pistas municipais de tenis de Areas foron obxecto nas últimas horas de actos vandálicos, que se repiten nestas instalación causando numerosos destrozos. Antes este feitos o Concello de Tui presentou esta mañá denuncia no cuartel da Garda Civil. Previamente a Policía Local personouse no lugar tras recibir a comunicación dos festios e elaborou o correspondente informe.
Hoxe, en concreto, apareceron diversas pintadas nas instalacións anexas ás pistas. Amais rexistrouse a rotura dos pomos das portas e unha ventá rota e as redes das pistas foron atopadas nas inmediacións entre a maleza e faltan os postes que as suxeitan. Por outra parte unha cadeira apareceu colgada da porta principal e outras tres penduradas por un cable nunha ponte próxima.
Dende o Concello de Tui laméntase estes feitos, que se teñen rexistrados xa noutras ocasións nestas instalación, e saliéntase a repercusión negativa que os mesmos teñen tanto na actividade deportiva do club de tenis, como no gasto de fondos municipais que conleva para repor o material deteriorado. Faise amais un chamamento á responsabilidade e o civismo agardando que estes actos vandálicos no se volvan producir.