Máis de 50 persoas percorrerán mañá o tramo do Camiño Portugués entre Caminha a Tui nunha andaina organizada pola Asociación Iacobus
O domingo inaugúrase na Sala de Exposicións da Área Panorámica unha exposición fotográfica de Ramón Fernández
Mañá sábado, 1 de xuño, a asociación Iacobus en colaboración co Concello de Tui organiza unha andaina polo Camiño de Santiago Portugués no seu tramo de Caminha a Tui. Esta actividade foi presentada esta mañá no Concello de Tui por parte de Victoria Álvarez, Alfonso Ferreiro e Juanjo Sánchez, da asociación Iacobus, de Eduardo Freiría, concelleiro de Cultura en funcións, e Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui en funcións.
Haberá dúas modalidades, unha de 30 qm, que irá dende Caminha até Tui e outra de 17 qm de Vila Nova de Cerveira até Tui. O horario de saída será para a andaina de 30 qm ás 6.30 h na estación de autobús de Tui para comezar a andaina ás 7.00 h, e para a de 17 qm a hora de saída será ás 8.30 h na estación de tren de Valença para comezar ás 9.00 h.
A andaina rematará co paso polo río en barco dende o Cais de Valença até Tui como facían os peregrinos antigamente e despois irán até a Catredral.
O obxectivo desta andaina é reivindicar este tramo do camiño portugués pola costa seguindo o sendeiro do río, unha iniciativa que agradeceu o concelleiro de Cultura en función, Eduardo Freiría por “pór en valor e difundir o camiño tradicional e real que é ademáis entrada en Galicia do Camiño de Santiago.”
O alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín, destacou que “é fundamental apoiar estas iniciativas dado que a reivindicación do Camiño Portugués ten moita importancia en Tui dende a perspectiva patrimonial, cultural, histórica e económica”.
O prazo de inscrición está aberto até esta noite no Facebook da asociación Iacobus ou no 650 009 233.
Por outra parte, dentro das actividades que organiza a Asociación Iacobus para pór en valor o Camiño de Santiago, este domingo, 2 de xuño, ás 12.00 h inaugurase na Sala de Exposición da Área Panorámica a exposición “Camiños de Santiago” de Ramón Fernández, que presenta unha mostra con preto de 50 fotografías que se poderá visitar até o día 15 de xuño.