Hoxe comezaron as actuacións previas para a retirada do amianto tras contratarse os traballos cunha empresa especializada por importe de 348 mil euros
Tamén se adxudicou o proxecto técnico de xestión de residuos e se aprobou un programa de carácter temporal de atención aos afectados no eido urbanístico que contempla a contratación dun arquitecto, un arquitecto técnico e un técnico de administración xeral
O Concello de Tui contratou esta semana a retirada do amianto na zona afectada pola explosión do pasado 23 de maio por un importe de 348 mil euros e o proxecto técnico de xestión de residuos e dirección de obra por importe 59 mil euros. Esta mesma mañá comezaron as actuación previas na zona coa colocación dos contedores, a caseta de descontaminación, e as vallas que pecharán todo o perímetro da zona cero onde se actuará previa autorización xudicial. Lémbrase aos cidadáns que a área vallada será zona de obras polo que non se poderá acceder á mesma sen permiso e sen ir acompañado dos técnicos. Xa o luns comezará a retirada do amianto dende a zona máis aloxada da explosión até chegar a zona cero, nesta última unha vez se conte coa autorización da xuíza.
A retirada do amianto e o estudo de xestión de residuos son pasos previos necesarios á realización do desentullo na zona, un labor que o alcalde, Carlos Vázquez Padín, solicitará a próxima semana ao delegado do goberno en Galicia, que sexa asumida polo goberno central.
Por outra parte o alcalde asinou esta semana o Programa de Carácter Temporal para a atención aos afectados pola explosión no que a trámites urbanísticos se refire. O plan cunha duración inicial de seis meses, prorrogables outros seis meses, contempla a dotación de persoal interino á oficina urbanística de atención aos afectados. Deste xeito búscase axilizar a tramitación administrativa de comunicacións previas e licenzas de obras dos afectados, ao tempo que permitirá que o persoal do departamento de urbanismo poida atender as peticións en materia urbanística do resto da cidadanía. En concreto procédese á contratación dun arquitecto, un técnico de administración xeral e un arquitecto técnico.