Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

493 peregrinos pernoctaron no Albergue de Tui no mes de xuño

2/07/2010

493 PEREGRINOS PERNOCTARON NO ALBERGUE DE TUI NO PASADO MES DE XUÑO

 

O Albergue de Peregrinos de Tui acolleu no pasado mes de xuño un total de 493 peregrinos, logrando neste Ano Santo Compostelano unha nova cifra record de ocupación en relación cos anterios anos xacobeos, pois no mes de xuño de 2004 a ocupación do albergue foi de 312 peregrinos namentras que no pasado ano 2009 o número de peregrinos acollidos acadou os 365.

Con esta cifra de case 500 peregrinos no pasado mes de xuño o nivel de ocupación do albergue tudense acada un 78% de media ao longo do mes. No que vai de ano o Alberge tudense ten acollida xa a 1828 peregrinos.

A procedencia dos peregrinos é maioritariamente española e portuguesa pero en menores números o albergue tudense acolleu a peregrinos procedentes de numerosos paises europeos (Alemanai, Francia, Italia, Bélxica, Finlandia, etc.) pero tamén doutras nacionalidades máis alonxadas que evidencia o poder de convocatoria que posue o camiño de Santiago: Guinea, Xapón, Noza Zelanda, Estados Unidos, México, Cuba, Brasil, Arabia, Corea do Sur, Turquia, etc.

O Albergue de peregrinos de Tui, ubicado na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, ao carón da Catedral no corazón do conxunto histórico tudense,  posue unha capacidade de 36 prazas para peregrinos en litera e abre todos os días ás 13,00 horas e pecha as súas portas ás 22,00. Para máis información os interesados poden chamar ao teléfonos: 986 600 729 - 638 962 806.

Para o concelleiro de cultura tudense estes niveis tan elevados de ocupación evidencian os esforzos que está a desenvolver  este Concello de Tui arredor da promoción do camiño portugués entendido como un investimento de futuro pois resulta cada vez máis evidente que os camiños de peregrinación é un fenómeno, vencellado ao turismo cultural e relixioso, que adquire progresivamente maior relevancia. E na nosa cidade á converxencia co importante patrimonio cultural e natural da cidade, do que o camiño é unha referencia excepcional, converten a Tui nunha etapa de referencia nas rutas xacobeas.

En canto aos traballos de promoción, cabe lembrar segundo Moisés Rodríguez Pérez, a edición de folletos informativos, con información específica de interese para o peregrino en seis idiomas, ou a presenza en Tui de diversos grupos de xornalistas de España e Europa especalizados en turismo, a acollida a peregrinacións como a das Cámaras e Concellos do camiño portugués celebrada o pasado sábado, etc. O perfil de Facebook "Tui camino de Santiago" é outro dos referentes desta promoción da cidade como destino turístico, así como en numerosos foros, páxinas e blogs nos que se debate sobre o roteiro portugués. O funcionamento do Centro de Interpretación do Camiño Portugués no antigo convento de San Domingos é outro dos fitos do traballo que desenvolve a Concelleria de Cultura tudense pola promoción e posta en valor do camiño de Santiago.

 

 

Estatistica anual de ocupación do Alberge de Tui - Ano 2010

 

Xaneiro

68

Febreiro

96

Marzo

216

Abril

378

Maio

517

Xuño

493

Total

1828