Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os tudenses Sara Areal e Samuel Diz lideran “O Concerto centenario”

28/11/2025

Será este domingo ás 17.30  h na Catedral de Tui abrindo os actos conmemorativos do 800 aniversario da consagración do templo catedralicio

“Concerto centenario” é o título do evento musical que este domingo, 30 de novembro, ás 17.30 h, na Catedral de Tui abrirá o programa dos actos conmemorativos do oitavo centenario da súa consagración.  Os músicos tudenses Sara Areal, violín, e Samuel Diz, guitarra lideran a formación integrada amais por Diana Poghosyan, violín; Luigi Mazzucato, viola; Raúl Mirás, violonchelo;  David Collazo, percusión; Elsa Roldán, soprano e Hermelindo Ruiz Mestre, guitarra.

O programa previsto abrirase coas Sonatas da Chiesa para trío de cordas do compositor barroco Arcangelo Corelli.

A continuación terá lugar a estrea absoluta de “Catedral atlántica” creada por Fernando Buide del Real, un dos compositores máis destacados e activos da escena contemporánea, expresamente para esta ocasión. Esta partitura para violín e guitarra, será interpretada por Sara Areal e Samuel Diz.

O concerto continuará coa aria festiva «Laudamus te» da Gran Misa en Do menor, K.427, de W. A. Mozart na voz da soprano tomiñesa Elsa Roldán.

Para pechar este evento musical, interpretarán Os fogos de San Telmo de Hermelindo Ruiz Mestre, baixo a batuta do recoñecido mestre portorriqueño Roselín Pabón, nun diálogo que parte do legado de San Telmo na illa de Porto Rico. Precisamente este tema, composto en homenaxe ao fresco atopado na igrexa máis antiga de San Juan de Porto Rico, será interpretado tamén ao mediodía tras a apertura do ano Xubilar e a eucaristía que abre estas conmemoracións. O concerto está organizado polo Concello de Tui. A entrada é libre até completar o aforo.

Programa de concerto

Arcangelo Corelli (Italia, 1653 - 1713)

Sonata da Chiesa, Op. 3, núm. 2

I.- Grave

II.- Allegro

III.- Adagio

IV.- Allegro

 

Arcangelo Corelli

Sonata da Chiesa, Op. 1, núm. 3

I.- Grave

II.- Allegro

III.- Adagio

IV.- Allegro

 

Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980)

Catedral atlántica, para violín e guitarra. Estrea absoluta

I.- Ocaso

II.- Nocturna

III.- Albor

 

W. A. Mozart (Austria, 1756 - 1791)

Gran Misa en Do menor, K.427

«Laudamus te». Elsa Roldán (soprano)

 

Hermelindo Ruiz Mestre (Porto Rico, 1987)

Os fogos de San Telmo, concerto para dúas guitarras e ensemble

I.- Maestoso, ano 1503

II.- Padroeiro dos mariñeiros

III.- Tormenta e canto medieval da Catedral de Tui

IV.- Ás pontes de San Telmo

V.- Os fogos de San Telmo