Tui conmemora o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos
Será o próximo xoves 2 de outubro con dúas actividades de sensibilización coa directora e documentalista Mabel Lozano
Hoxe, 23 de setembro, conmemórase o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, instaurado no ano 1999 pola Conferencia Mundial da Coalición contra o Tráfico de Persoas, en coordinación coa Conferencia de Mulleres en Dhaka (Bangladesh). Esta xornada constitúe unha chamada á reflexión sobre unha das formas máis graves de vulneración dos dereitos humanos: a explotación e o tráfico de persoas.
O Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, súmase a esta conmemoración coa realización dunha xornada especial o próximo xoves, 2 de outubro, coa participación de Mabel Lozano, directora e documentalista, actividade polos dereitos das mulleres e gañadora de dous premios Goya.
Baixo o título “Ponte na súa pel” desenvolverase pola mañá un obradoiro para adolescentes no que se incidirá na prevención e concienciación da mocidade como as mafias e explotadores empregan as redes sociais para captar vítimas, adaptando constantemente os seus métodos, sobre todo tras a pandemia. Esta actividade celebrarase en horario matinal dirixido a alumnado a partir de 3º da ESO.
Xa pola tarde, ás 19 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, terá lugar a charla “As redes da pornografía, a trata e a prostitución, e os riscos para a adolescencia hoxe” dirixida á cidadanía en xeral. A sesión será dinámica e participativa, e contará coa proxección de dous dos documentais de Mabel Lozano premiados co Goya —Biografía del cadáver de una mujer (2020) e Ava (2023)—, así como coa campaña “Iso non é sexo”, que proporciona ferramentas para fomentar relacións sans, respectuosas e igualitarias, ademais de previr a violencia sexual.
Nestas dúas actividades Mabel Lozano achegará tanto á mocidade coma ás familias e público en xeral unha mirada crítica e necesaria sobre a trata, a explotación sexual e o papel das redes sociais neste problema.
A concelleira de Igualdade, Ana Núnez, destaca que “é fundamental implicar á sociedade, ás familias e á mocidade, para facer fronte a esta realidade invisible pero moi presente. Con actividades como estas queremos concienciar e dar ferramentas para previr que as novas xeracións caian nas redes da explotación”.