Música, cultura e gastronomía abren as festas de San Telmo
A lectura do pregón por Avelino González e o IV Encontro de Viños da Raia celebraranse no Mercado de San Antonio
Tui prepárase para vivir dez días de festas na honra a San Telmo. Debido ás previsións meteorolóxicas cambia o emprazamento das primeiras actividades que se trasladan ao Mercado de San Antonio.
Así o actor, monologuista e contador de historias Avelino González, dará lectura ao pregón das festas no auditorio situado no exterior do Mercado este sábado, 19 de abril, ás 12.45 h.
Xa dende ás 12 h o Mercado acollerá a actuación do grupo de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei, e os tradicionais Xigantes e Cabezudos bailarán ao ritmo da nosa música. A esa hora abrirán tamén os postos das doce adegas participantes este ano no IV Encontro de Viños da Raia, que se distribuirán no interior do Mercado. Serán Corisca e Quiñóns da Insua de Tui; Edmund do Val de Valença; Sergio Álvarez, Adega Pateira, Jorge Marcote, e Adega Xesteiro do Rosal; Marcio Lópes de Melgaço; Adega do Ricón, Chan de Vide e Miguel Alonso viticultor de Arbo; e María Bargiela de Salvaterra. Mentres que a zona de degustación, que contará con climatización, estará preparada no exterior. Na cita non faltará a gastronomía que chegará da man de Almacén Urbano, D’Calle e Maruxa Market, que contan con posto no Mercado, e aos que se sumará Vioncas Bake. Ofrecerán degustacións tanto doces coma salgadas para acompañar aos viños blancos, tintos e espumosos que protagonizarán este cuarto Encontro. O horario será de 12 a 16 h e de 20 a 23 h. Amias o sábado, ás 18.30 h, terá lugar no Mercado de San Antonio II Concurso de Cata Amateur a cegas guiada polo sumiller Sebaristas. É preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo. No Mercado actuará tamén a Charanga Cantos Somos de 20 a 22 h.
O Teatro Municipal acollerá ás 18.30 h a Gala de entrega dos Premios Cidade de Tui á Sociedad Tuy Salceda. Asociación Mutual, Cultural y Recreativa” de Bos Aires, na categoría colectiva, e a Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz, na individual de forma ex aequo. A continuación na Sala Municipal procederase á inauguración da exposición "A Fermosura do Pequeno" con maquetas de Tui de José Martínez Clotet.
A partir das 21 h a actividade trasládase ao Espazo Feiral onde foi instalada unha gran carpa con capacidade para 4 mil persoas. A esa hora comezará o I Encontro de Bandas de Gaitas no que participarán as catro bandas tudenses Arume de Malvas, A Insua de Caldelas, Guillarei e Paramos. Pechará a programación deste primeiro día de festas o artista G-Face ás doce da noite iniciando en Tui a súa xira “G Face na Casa” cun espectáculo de case dúas horas no que estará acompañado por unha banda de catro músicos, dous coristas, un corpo de baile e un cuadro de mariachis.