Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui impulsa o mercado Elas Facedoras dentro da programación do 8M

27/02/2025

O obxectivo é visibilizar e impulsar o traballo das mulleres creadoras. As solicitudes pódense presentar até as 23 h do mércores 12 de marzo 

O sábado 22 e o domingo 23 de marzo o Claustro do Seminario Menor de Tui acollerá o Mercado Elas Facedoras, que forma parte da programación organizada polo Concello de Tui co gallo do 8M, o Día Internacional da Muller. 

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explicaba sobre esta novidosa iniciativa que é un mercado “para visibilizar o talento feminino, un mercado de mulleres creadoras, artistas,  que constrúen, …”  engadindo que “queremos crear este mercado, que nace con vocación de continuidade. Sinala a concelleira que “se trata dunha oportunidade única para visibilizar e impulsar o traballo das mulleres creadoras do noso territorio, promovendo a creatividade e o emprendemento feminino”.

Dende hoxe mesmo as mulleres que desexen participar poden cubrir o formulario dispoñible en www.tui.gal/gl/mercado-elas-facedoras até ás 23 h o mércores 12 de marzo. Ademais, deberán enviar ao correo igualdade@tui.gal un pequeno dosier artístico en formato PDF (máximo 10 páxinas) e tres fotografías representativas do seu traballo. As prazas son  limitadas e a elección das participantes basearase en criterios de diversidade, calidade artística, profesionalidade e impacto cultural.

Para máis información, as interesadas poden consultar as Bases de Participación dispoñibles en tui.gal ou contactar coa organización a través do correo electrónico igualdade@tui.gal ou no teléfono 664 55 24 93.

Elas Facedoras abrirá o sábado 22 de marzo de 11.00 a 14.30 h e de 16.30 a 21.00 h e o domingo 23 de marzo de 11.00 a 14.30 h e de 16.30 a 20.00 h. 

O mercado contará cun espazo expositivo composto por postos de venda e exhibición, así como cun programa de actividades complementarias, que incluirá unha mesa de debate, actuacións musicais e monólogos de humor.

Dende o Concello de Tui convídase a todas as mulleres creadoras a participar neste evento, que busca fortalecer o tecido cultural e económico a través do talento e a creatividade femininas.

Bases de participación Mercado Elas Facedoras

Formulario de Inscrición