Tui despide o ano con deporte, música e solidariedade
Case 1900 persoas participarán na III San Silvestre Solidaria. A Orquestra Kubo actuará no recinto feiral a partir da 1 h
Tui prepárase para despedir o ano de forma festiva con deporte, música e solidariedade. Mañá baterá récord de participación na San Silvestre que en só tres edicións se consolida cunha cunha gran acollida coma demostran as 1879 persoas inscritas. Con esta proba as rúas da cidade serán unha festa para despedir o ano.
Dende ás 9 h as case 1.900 persoas inscritas poderán retirar o seu dorsal no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. A San Silvestre comezará ás 10.30 h dende o Paseo da Corredoira para realizar un percorrido de catro quilómetros polo centro urbano andando, correndo ou practicando marcha nórdica. Á chegada as persoas participantes poderán disfrutar dun chocolate quente con rosca. Ao son das badaladas do reloxo da praza da Inmaculada, ás 12 h, tomaranse as uvas celebrando así con doce horas de antelación o novo ano. Para amenizar a festa contarase coa participación de Dj Donper que porá o ritmo festivo ao evento. Cómpre lembrar que a San Silvestre é solidaria coa Asociación Española contra o Cancro, polo que haberá un posto desta asociación no que se poderán realizar doazóns. A III San Silvestre está organizada conxuntamente polo Club Atletismo Tui e o Concello de Tui.
Por outra parte mañá, de 12 a 14 h, abrirán as vinte casetas do Mercado de Nadal no Paseo da Corredoira, mentres que de 11 a 14 h pequenos e maiores poderán gozar unha nova xornada co taller máxico de Papa Noel.
A festa continuará á unha da madrugada, xa que a orquestra Kubo actuará no recinto feiral na Avenida da Concordia. Na maior escenario de Europa, cunhas dimensións de 30 x 11 metros, brindarán un espectáculo durante tres horas, con 16 persoas en escena, no que realizarán unha viaxe musical dende os anos 70’ até a actualidade, para dar a benvida ao 2025.