Convocadas as axudas para a rehabilitación, conservación e mantemento de inmobles na ARI de Tui
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir de mañá
Mañá abre o prazo de presentación de solicitudes das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico de Tui correspondentes á Fase 15ª. As bases poden consultarse dende hoxe en tui.gal, na sede electrónica do Concello de Tui e no BOPPO.
O obxectivo destas axudas é contribuír á rehabilitación, conservación e mantemento dos inmobles situados na Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico de Tui, declarada área de rehabilitación por resolución da Xunta de Galicia do 6 de setembro de 2001. O importe establecido para estas axudas ascende a 61.783€ dos que 51.400 € son financiados polo Ministerio de Fomento, e 10.383 € pola Xunta de Galicia.
As axudas consistirán en subvencións a fondo perdido para obras ou traballos de mantemento, mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, mellora da seguridade de utilización e accesibilidade en vivendas, asesoramento técnico e elaboración de documentación técnica.
En concreto serán subvencionables as obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente, así coma as actuacións de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas e as actuacións de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas. Tamén se poderán incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, o custo de redacción do proxectos, direccións técnicas ou facultativas, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto similar, derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados.
Os inmobles para os que se soliciten as axudas deben cumprir coas determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, e o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Tui, PEPCHA.
O importe subvencionable será como máximo o 40% do importe total da actuación, e poderá chegar aos 75% se os ingresos da unidade de convivencia son inferiores a 3 veces o IPREM ou se existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos e se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade.
En calquera dos casos a axuda non superará os 12 mil euros, para os casos nos que se reduza a demanda enerxética, ou os 8 mil euros para o resto dos casos. No caso de edificios, incrementarase esta contía con 120 euros/m2 de superficie construída de local comercial ou outros usos. No caso de edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, incrementarase esta contía en 1.000 euros/vivenda e 10 euros/m2 de local comercial ou outros usos.
A presentación de solicitudes, no modelo normalizado xunto coa documentación requirida, pode realizarse dende mañá e durante un prazo de dous meses tras a publicación das bases hoxe no BOPPO. As persoas interesadas poden ampliar esta información na web municipal tui.gal, co correo ari@tui.gal, ou na Oficina do ARI solicitando cita presencial ou telefónica en citasurbanismo@tui.gal ou no 607 355 841.
O próximo venres, 30 de agosto, ás 10 h na radio municipal haberá unha xornada informativa sobre estas axudas a cargo da técnica da oficina da ARI.
Bases convocatoria axudas rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito no ámbito da ARI Fase 15.