600 deportistas participarán este sábado no Descenso Internacional do Miño
A proba, que será Campionato de España de Ríos, sairá ás 17 h dende Salvaterra, e terá a liña de meta fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses
Preto de 600 padeeiros e padeeiras participaran este sábado no 53ª Descenso Internacional que sairá ás 17 h dende Salvaterra para iniciar un percorrido de 14 quilómetros até chegar – en pouco máis dunha hora - á liña de meta que estará situada fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses, en Tui. A proba, que será Campionato de España de Ríos, presentará un gran nivel deportivo con 400 embarcacións pertencentes a 73 clubs.
Na presentación do Descenso Internacional do Miño participaron esta mañá o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Deputación, Luís López, o xefe do servizo provincial de Deportes, Daniel Benavides, os concelleiros de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e de Salvaterra, Edgar Martínez, e o director técnico do Club Kaiak Tudense, Manuel Pedrares, xunto a membros da corporación, autoridades e membros do club organizador.
O director técnico do Club Kaiak Tudense, Manuel Pedrares, explicou que ao ser Campionato de España de Ríos a afluencia de clubs nacionais será superior a outros anos, cun número de participantes – 598 deportistas – superior ao da edición de 2023, pese a que ao ser campionato de España non poderán acudir clubs portuguesas coma noutras edicións. Destacou como o nivel dos deportistas será moi alto xa que aquí estarán moitos dos padeeiros e padeeiras que en catro semanas competirán no Campionato do Mundo de Maratón en Croacia. Concluía afirmando que “imos disfrutar dun bo espectáculo deportivo”.
Pola súa parte Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, facía un chamamento ás outras administracións para facer realidade o soño do Kaiak Tudense de acoller en Tui, no río Miño, un Campionato do Mundo de Maratón, tras a experiencia positiva de hai uns anos de organizar un campionato de España desta modalidade. Referiuse tamén ao feito de contar o club con Matías Otero, padeeiro, e Esteban Alonso, adestrador, que veñen de participar nos Xogos Olímpicos de París.
Mentres Edgar Martínez, concelleiro de Deportes de Salvaterra destacou o que supón a moitos niveis o feito de que este ano o Descenso sexa amais campionato de España e afirmou que para o Concello de Salvaterra é unha honra poder formar parte deste evento.
O xefe territorial de Deportes, Daniel Benavides, destacou coma cun evento coma este se potencia non so o deporte senón tamén outros aspectos coma o turismo, e é un motor da economía. Sinalaba que Kaiak Tudense é un club referente, lembrando que son o único club de piragüismo recoñecido coma núcleo de adestramento específico.
Pola súa parte o presidente da Deputación, Luis López, puxo o énfase en que este Descenso Internacional do Miño é unha experiencia 100% Rías Baixas que combina natureza e deporte. Dicía que isto “ven demostrar que somos unha provincia grazas a clubs coma os que hai aquí, e coa colaboración e cooperación das institucións e patrocinadores que organizamos eventos e competicións estelares”. Destacaba por último como para a Deputación que preside o deporte é unha prioridade, e coma este é “o mes de ouro” do deporte na provincia polos diferentes eventos que aquí se celebran.
Pechou a quenda de intervencións o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicando que o Concello de Tui “sempre mostrou o apoio inequívoco ao deporte en xeral e ao piragüismo en particular”. Aludiu Enrique Cabaleiro ao entorno natural único no que se vai celebrar este proba deportiva que cualificaba de “espectacular”, e aludía coma a cidade sería un lugar axeitado para acoller un Campionato de Europa ou do Mundo de Maratón, polo que reclamaba tamén o apoio das outras administracións para facer realidade este feito.
Dos 598 padeeiros e padeeiras de 73 clubs que van participar este sábado, 24 de agosto, no Descenso Internacional do Miño, 35 serán do Club Kaiak Tudense. Entre os favoritos para facerse coa vitoria estarán o K2 de Roi Rodríguez e Matías Otero do Kaiak Tudense e o de Miguel Llorens e Alberto Plaza de Ribasella. Amais no K2 senior son favoritas Carmen Villar e Tania Fernández, no C2 Diego Romero e Manuel Antonio Campos, e no K1 Antonio Palmas, Iván Alonso, Eva Barrios e Irati Osa.
O Descenso mantén o seu icónico trofeo dun padeeiro sobre unha onda obra do escultor tudense Juan Oliveira. A entrega de premios será o sábado ás 19 h.