O Concello de Tui fai un chamamento á cidadanía para a correcta xestión do lixo
Lémbrase que o depósito de lixo nos contedores verdes debe realizarse de 20 a 8 h, e que as caixas de cartón se deben colocar dobradas
O Concello de Tui fai un chamamento á colaboración cidadá para que non se volva repetir imaxes de caixas de cartón fóra dos contedores e sen dobrar cando o colector está baleiro, de bolsas de residuos orgánicos depositados a primeira hora da tarde ou fóra do contedor. O obxectivo é lograr unha xestión eficiente dos residuos, mellorar a salubridade e a imaxe do municipio, e protexer o medioambiente.
É por iso que dende o Concello de Tui lémbrase a normativa recollida na ordenanza municipal reguladora do ornato público e a limpeza viaria na que se recolle que se deben separar axeitadamente os residuos orgánicos dos inorgánicos, depositando cada un deles no colector correspondente. Na mesma establécese no caso de cartóns, embalaxes e caixas que deben depositarse convenientemente pregados.
Por outra parte lémbrase o que horario para depositar o lixo no contedor verde é de 20 h a 8 h.
A mesma ordenanza recolle como infraccións graves deixar na vía pública residuos excluídos da recollida domiciliaria, como pode ser o caso de mobles, colchóns ou outro enxoval. Este material debe depositarse no Punto Limpo ou solicitar o servizo gratuíto de recollida.
Do mesmo xeito cada tipo de lixo debe colocarse no contedor correspondente. Para resolver as posibles dúbidas que poidan xurdir o Concello de Tui editou hai uns meses unha Guía de Separación de Residuos que se pode consultar na web municipal, ou recoller un exemplar na Biblioteca ou na casa do Concello.
Por outra parte a reciclaxe do lixo xerado, máis aló dos beneficios medioambientais que xera, tamén ten repercusións económicas positivas xa que se diminúe a fracción resto que é levada a SOGAMA e por tanto será menor o importe que o concello deberá aboar polo seu tratamento.
Dende o Concello de Tui faise fincapé na importancia da colaboración de toda a poboación para conseguir que Tui sexa un lugar limpo e agradable para vivir, e para que a imaxe da cidade que poden levar peregrinos ou turistas sexa a axeitada acorde coa nosa realidade, tendo en conta o gran potencial que Tui ten polos seus atractivos históricos, naturais, patrimoniais, …