Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Club Náutico Inclusivo do Baixo Miño conta cunha cadeira anfibia que foi presentada esta semana en Tui

19/07/2024

As persoas con mobilidade reducida poderán gozar dun baño no río Miño, nas praias tudenses ou do Baixo Miño grazas á cadeira anfibia que vén de mercar o Club Náutico Inclusivo Baixo Miño, que foi presentada esta semana na rúa Olímpicos Tudenses en Tui.

A tenente alcalde e concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e o concelleiro de Servizos Socias do Concello de Tui, Ismael Diz, asistiron a presentación deste equipamento nun acto no que participou tamén o secretario xeral para o Deportes da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, o presidente e secretario do Club Náutico Inclusivo, Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, respectivamente, xunto a representantes dos concellos do Baixo Miño, Salceda e Salvaterra e e a directora da oficina de CaixaBank de Tomiño.

Ana Núñez, tenente alcalde e concelleira de Igualdade de Tui, Ana Núñez, destacou que é “un paso importante ir rompendo as barreiras que se atopan as persoas con discapacidade” agradecendo á Xunta de Galicia sensibilidade co deporte adaptado. Mentres o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, agradecía ao Club Náutico Inclusivo o traballo que realiza e brindaba, unha vez máis, a colaboración do concello de Tui. Pola súa banda José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deportes, felicitou ao Club por esta iniciativa. Ao tempo referiuse ao éxito dos deportistas paralímpicos en Tokio amosando a súa confianza en que se superen incluso en París eses históricos resultados.

Dende o Club Náutico Inclusivo Baixo Miño, Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, explicaran que poderán empregar esta cadeira, previa solicitude, as persoas con mobilidade reducida. A súa adquisición foi posible grazas á subvención concedida ao abeiro das axudas para a adquisición de equipamento deportivo adaptado da Xunta e a colaboración da Fundación La Caixa. 

As persoas con mobilidade reducida que desexen empregar esta cadeira anfibia poden contactar co Club Náutico Inclusivo do Baixo Miño no 670 508 499 ou no 618 568 426, poden solicitala tamén a través dos Servizos Sociais dos concellos de Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal, Oia, Salceda de Caselas e Salvaterra, ou a través das asociacións de persoas con discapacidade ou mobilidade reducida da zona.