Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui inicia os trámites para a redacción dunha nova ordenanza reguladora das terrazas

17/05/2024

Dende hoxe e durante quince días naturais ábrese consulta pública á cidadanía, asociacións e organizacións

O Concello de Tui vén de abrir trámite de consulta previa á elaboración do proxecto de Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas. A cidadanía, organizacións e asociacións que así o consideren poden facer chegar as súas opinións dende hoxe e durante o prazo de quince días naturais a través dunha instancia xenérica na sede electrónica do Concello.

Por iniciativa do equipo de goberno iniciase o proceso de redacción dunha nova ordenanza municipal abrindo este proceso de escoita á cidadanía e ás asociacións representativas do sector, segundo explicaba a concelleira de Comercio, Ana Núñez.  Explica a edil que por parte dos técnicos municipais está xa en fase de redacción un borrador do texto, no que se terán en conta as opinións e suxestións que se poidan presentar durante este período de consulta pública. Deste xeito, sinala a concelleira, darase cobertura ao baleiro que existía na regulación destas instalacións ao non contar o Concello de Tui  cunha ordenanza específica.

Coa elaboración dunha nova ordenanza, tal e coma se recolle do anuncio de trámite de consulta pública, preténdese dar resposta aos lexítimos intereses económicos do sector da hostalería e de lecer da cidadanía conxugándoos co dereito da veciñanza ao uso deste espazo público, ao libre tránsito polo mesmo e ao seu goce, en especial garantindo o principio de accesibilidade universal para todas as persoas e a seguridade nas vías públicas.

O novo texto ten tamén como obxectivo  establecer criterios de delimitación e acondicionamento das terrazas e do seu mobiliario, a regulación dos horarios de funcionamento, as de dotar de especial protección pola súa singularidade a elementos patrimoniais, espazos dentro do Conxunto Histórico ou á beira do Miño. Tamén se busca dotar de seguridade xurídica a instalación de terrazas, establecendo con claridade os requisitos que deben reunir os establecementos para solicitar a pertinente autorización, así como o procedemento que debe seguir o concello de Tui para a súa tramitación.

Anuncio de trámite de consulta pública previa da Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas