Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Policía Local controlou máis de 500 vehículos na fin de semana ante o peche perimetral do municipio

9/11/2020

Recibiron máis de 300 chamadas tentando resolver dúbidas sobre a normativa en vigor que por momento chegaron a colapsar as liñas telefónicas

A vixilancia do cumprimento das novas medidas restritivas que o sábado entraron en vigor en Tui xunto á restrición á mobilidade de 23 a 6 h centraron as actuacións da Policía Local de Tui durante a fin de semana.

Tramitaron 6 denuncias polo incumprimento do toque de queda, polo peche perimetral, e por viaxar nun mesmo vehículo persoas non convivintes, algo que non está permitido en Tui dende o sábado.

Os axentes da Policía Local realizaron o control de máis de 500 vehículos tanto no entorno da vella Ponte Internacional coma noutros puntos da cidade para comprobar o cumprimento do peche perimetral que dende o sábado está en vigor no municipio. Os policías informaron a moitos condutores procedentes de Portugal das novas medidas establecidas en Tui polas que non se pode acceder ao municipio, salvo nos casos establecidos.  Amais tanto a liña fixa coma a móbil da Policía Local chegou a colapsar na fin de semana ante as numerosas consultas recibidas tanto dende Galicia coma dende Portugal sobre as novas medidas restritivas que están vixentes.  Compre lembrar o teléfono 900 400 116 para resolver dúbidas tanto sobre a COVID19 coma sobre as medidas establecidas.

Amais na noite do sábado os municipais deron o alto a dous vehículos cuxos condutores deron positivo no control de alcoholemia e incumpría o toque de queda.

Ás 23.20 h na rotonda de Guillarei os axentes deron o alto a un vehículo que circulaba en zigzag. O condutor triplicaba a taxa de alcohol permitida ao dar un resultado de 0,94 mg/l na primeira proba realizada, e 0,91 mg/l na segunda. Minutos despois na PO-552, en colaboración coa Garda Civil, deron o alto a outro condutor que duplicaba a taxa permitida ao dar un resultado de 0,58 mg/l na primeira proba e 0,54 mg/l na segunda.