Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Xunta conectará o polígono de Areas e a VAP Tui- A Guarda a través dun enlace directo coa execución de 2 glorietas segundo anunciou hoxe o Conselleiro de Medio Ambiente

7/09/2012

O Alcalde sinala que este anuncio demostra o cumprimento do compromiso do goberno municipal en apoio aos veciños de Areas

 

O conselleiro de Medio Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia anunciou esta mañá nunha xuntanza celebrada na sede da Cámara de Comercio de Tui a súa aposta por unha alternativa de conexión directa entre o polígono de Areas, en Tui, e a Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui- A Guarda mediante dúas glorietas. Nesta xuntanza participaron xunto ao conselleiro, o alcalde de Tui e membros do goberno municipal, o Presidente da Cámara tudense e empresarios e industriais da comarca e nomeadamente do Parque Empresarial de Areas.

 

Agustín Hernández xa se reunira recentemente con representantes do municipio e colectivos afectados polo citado proxecto co fin de considerar as diferentes propostas de empresarios e veciños. Esta mostra de diálogo e cooperación entre administracións permite ofrecer unha opción de conexión viable e eficaz aos beneficiarios desta actuación.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Perez, congratulouse por esta decisión, froito dun amplo e arduo traballo,tantas veces calado pero constante, promovido polo Concello entre todas as partes afectadas, e que evidencia como o goberno municipal tudense apostou sempre por recoller o sentir dos veciños de Areas e procurar unha solución axeitada a este enlace. Ese fora o compromiso tantas veces manifestado e agora anunciado publicamente polo Conselleiro de Medio Ambiente, a quen o Alcalde de Tui expresa o seu agradecemento por esta decisión. Este acceso resulta satisfactorio tanto para os veciños como para os empresarios do Parque Empresarial de Areas

 

A solución elixida conecta o polígono a través da VAP Tui – A Guarda, mediante ramais de entrada e saída en dirección ao enlace coa A-55. Á saída destes ramais e en ambas marxes do tronco sitúanse dúas glorietas de 30 metros que se unen mediante un ramal bidireccional que discorre baixo o tronco da VAP, aproveitando o paso inferior previsto en proxecto no PK 0+630.

 

En relación ás vantaxes da opción escollida, Hernández indicou que a alternativa conecta coa A-55 en calquera dirección, permitindo a entrada e a saída entre o polígono e o enlace da autovía. En sentido Tui, permite a comunicación coa VAP e en dirección A Guarda, deberanse realizar os movementos a través da glorieta do enlace coa A-55.

 

Hernández indicou que esta alternativa é a máis óptima dende o punto de vista funcional, xa que é posible unha redución da pendente, mellorando así a accesibilidade do tráfico pesado.

 

O titular de Medio Ambiente tamén adiantou que se licitarán nas vindeiras semanas as obras de 13 novas conexións coa EDAR de Guillarei. Estes puntos de conexión están localizados nos núcleos de Areas, Baldráns, Caldelas, Paramos, Randufe, Rebordáns e Tui.

 

A Consellería de Medio Ambiente achega un importe económico de máis de 630.000 euros para a execución destas actuacións hidráulicas.

 

O proxecto inclúe 3 bombeos en Rebordáns, no Atrio e no Regueiro e a execución de aliviadoiros en 4 pozos da rede municipal previa á súa conexión co colector do Río Miño.

 

Co explicado proxecto hidráulico, que se licitará en breve, dotarase aos veciños das citadas parroquias dun sistema de saneamento axeitado, do que carecen na actualidade, eliminando as insalubres fosas sépticas. En total, darase servizo a unha poboación de 5.397 habitantes deste municipio pontevedrés.

 

A actuación de conexións coa EDAR de Guillarei está enmarcada nun proxecto a través do que a Consellería de Medio Ambiente pretende mellorar o sistema de colectores do Louro e para o que se destina un orzamento de preto de 14 millóns de euros nun total de 25 actuacións. Trátase dunha serie de obras hidráulicas para optimizar o servizo de saneamento dos concellos do Porriño, Salceda de Caselas, Mos e Tui.

 

O responsable de Infraestruturas lembrou que o seu departamento está a investir dende finais do 2009 e ata finais do 2013, 6,8 millóns de euros na explotación da depuradora de Guillarei e do sistema de saneamento do río Louro.