Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As Xornadas Rosendo Salvado continúan a difusión e posta en valor da vida e obra deste tudense universal

21/02/2024

Albino Prada, Hector Cajaraville e Francisco Díaz-Fierros participantes nesta edición que se celebrará do 28 de febreiro ao 1 de marzo

O vindeiro venres, 1 de marzo, cúmprense 210 anos do nacemento, no barrio de Riomuíños da nosa cidade, de Rosendo Salvado Rotea un dos tudenses máis egrexios ao longo do tempo.  Da súa polifacética actividade de escritor, músico, naturalista, antropólogo e líder relixioso salientan os seus esforzados traballos canda o mundo aborixe, desenvolvidos na comunidade beneditina de Nova Nursia en Australia Occidental. O Concello de Tui ve realizando nos últimos anos un esforzo pola divulgación da obra deste singular persoeiro pois segue reclamando cumprida atención sobre a súa achega á historia universal da cultura e do pensamento. Con este motivo e logo do interese suscitado polas xornadas celebradas nos anos precedentes, o Concello de Tui aposta pola continuidade destas xornadas programando para a vindeira semana diversas iniciativas arredor da figura poliédrica de Rosendo Salvado. 

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, reivindicar a personalidade de Salvado é unha obriga para os tudenses pois a súa visión plural e integradora resulta de plena actualidade. En palabras da concelleira tudense, Salvado realiza nos seus escritos e na cidade-misión de Nova Nursia unha xenial aportación á Humanidade, anticipando en case un século as ideas e conceptos expresados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Velaí a súa impresionante dimensión e consecuentemente a necesidade de repensar e reposicionar a figura de Rosendo Salvado con estas novas lecturas da súa traxectoria que o colocan como un auténtico xigante, unha personalidade de dimensión mundial. Remarca Sonsoles Vicente que Rosendo Salvado sempre mantivo acesa a súa condición de galego e tudense, destacando a súa estima á lingua galega, á que tantas veces recorría nas súas cartas e charlas.

O programa das Xornadas Rosendo Salvado – 2024 abrangue as seguintes actividades: 

Mércores 28 de febreiro – Sala Félix Rodríguez González – 20.00 h.
Mesa redonda “Rosendo Salvado nos libros” contando coa presenza de:
-    Albino Prada,  profesor da Universidade de Vigo, que dando continuidade a súa intervención do pasado ano presentará a edición dixital e de acceso libre na web da Universidade de Vigo do seu libro “O Pais dos Sen Alma. Rosendo Salvado en Australia” 
-    Héctor Cajaraville, autor da novela “Nova Nursia” (2018) dedicada ao noso persoeiro, que disertará sobre "Frei Rosendo Salvado, unha rúa de Santiago”.

Xoves 29 de febreiro – Sala Félix Rodríguez González – 20.00 h.
Conferencia: "Ciencia, técnica e cultura na obra de  Frei  Rosendo Salvado" por Francisco Díaz-Fierros, do Consello da Cultura Galega, doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola, foi responsable de diversas exposicións e publicacións sobre Rosendo Salvado.

Venres 1 de marzo (CXX aniversario do nacemento de R. Salvado)
Visita guiada. Inicio na Praza de San Fernando ás 17.30 horas,  que inclúe unha visita ao Arquivo da Catedral de Tui, finalizando na casa natal de Rosendo Salvado coa colocación dun ramo de loureiro ás 19.00 h.

Rosendo Salvado Rotea (1814-1900), fillo dunha familia acomodada de Tui, renunciou a unha vida de riqueza e comodidades para seguir a carreira eclesiástica e marchar de misioneiro a Australia, un territorio practicamente inexplorado naquela altura. Frei Rosendo Salvado, como asinou sempre malia ostentar os títulos de padre, abade e bispo, fundou a maior misión católica do continente australiano, Nova Nursia. Pero o obxectivo evanxélico inicial implicou tamén a defensa dos aborixes, marxinados e abocados á extinción por unhas leis que nin sequera lles outorgaban a condición de seres humanos, os seus escritos e accións neste ámbito sitúano como un avanzado na defensa dos dereitos humanos. Salvado legounos unha das biografías máis fascinantes da nosa historia.