Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xoán Curiel presenta este xoves en Tui “A casa do terror”

25/09/2018

Trátase dun espectáculo de teatro, música, clown e danza dirixido a nenos e nenas de 7 a 12 anos. Forma parte do programa Falaredes.

O Teatro Municipal de Tui acolle este xoves, 27 de setembro un espectáculo de teatro, música, clown e danza da man de Xoán Curiel baixo o título “A casa do terror”.  Esta actividade chega a Tui dentro de Falaredes, o  programa de dinamización do galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística.  A representación comezará ás 19h.

Vai dirixido a nenos e nenas de 7 a 12 anos que formarán parte activa do espectáculo no que se conta a historia dun grupo de amigos que se ve na obriga de durmir nun edificio encantado. Alí o pasan moi ben vivindo aventuras relacionadas coa música, coa amizade e coa superación dos propios temores. A historia desenvólvese entre cancións, danzas, elementos teatrais ou clown e, sobre todo, con moita participación do público asistente.  Na posta en escena Xoán Curiel  estará acompañado pola banda Son+d2 e a bailarina Marta Alonso.

A entrada é de balde pero se deben retirar dende ás 18.30h un máximo de dúas por persoa no despacho de billete da Área Panorámica.