Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Volven celebrarse os actos da Semana Santa tudense con tradicións seculares

25/03/2022

A visita aos Monumentos, onde destaca o Horto das Oliveiras na capela da Misericordia, a procesión dos Pasos ou a do Santo Enterro forman parte do programa previsto

As celebracións da Semana Santa volven este ano a Tui tras dous anos de ausencia debido á pandemia coa organización da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, a Catedral e o Concello de Tui. Entre o 3 e o 17 de abril desenvolverase en Tui o programa da Semana Santa que foi presentado esta mañá na casa do concello por Enrique Cabaleiro González, alcalde; Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino e Cultura; Santiago Freire Comesaña, párroco de Tui e coengo; Jorge Gonçalves  Murta, da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia; Juan José Sío Castro, da agrupación de exvoluntarios de Protección Civil, e Eduardo Cadenas, da Asociación Amigos da Catedral.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, indicaba que “o concello é a primeira institución que está interesada na promoción das celebracións da Semana Santa na nosa cidade, obviamente polo que significa esta celebración, principalmente dende o punto de vista relixioso pero non podemos esquecer que as celebracións da Semana Santa acaban transcendendo ao que é puramente relixioso e pasan e transfírense ao ámbito cultural, e sobre todo turístico”. Por iso dicía “son tamén un elemento de dinamización socioeconómica”.  

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a singularidade da Semana Santa tudense que “conserva unha tradición secular centrada nas representacións para-teatrais” aludindo así ao Horto das Oliveiras que se representa na Capela da Misericordia, ou aos sermóns do Encontro e o Desencravo coas súas escenografías.  Por todo iso indicaba que “debemos traballar para pola en valor”.

Durante a Semana Santa o Concello de Tui promove tamén outros recursos turísticos da cidade. Así avanzou Enrique Cabaleiro que volverá abrir o Museo Diocesano. Coñecer Tui será posible a través de visitas autoguiadas cos folletos informativos dispoñibles na Oficina de Turismo ou cos códigos QR da sinalización da cidade histórica, pero tamén coas visitas guiadas que ofertan distintos profesionais tanto no centro urbano coma no Parque Natural do Monte Aloia. Sen esquecer a nova oferta turística que brinda o proxecto Río Miño, Destino Navegable. Incidiu tamén o rexedor que todos aqueles que visiten Tui estes días de Semana Santa poderán gozar da ampla oferta de establecementos de aloxamento e restauración. E por último lembraba coma xa nestes días a cidade comeza a prepararse para as festas de San Telmo.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, destacou na súa intervención coma dende o Concello "estamos colaborando para que a Semana Santa sexa coñecida, non só na comarca, senón en toda Galicia, e se podemos saír fóra das nosas fronteiras moito mellor para todos nós".  Agradecía a colaboración a todas as entidades implicadas na organización dos distintos actos, e tamén a Chico Bugarín polas fotografías aportadas para realizar o folleto da Semana Santa e o cartel co que se promocionarán os distintos actos. 

Os actos comezarán o domingo 3 de abril, ás 18 h, na Catedral coa lectura do pregón da Semana Santa a cargo de D. Santiago Vega, cóengo e director do Museo Catedralicio. Un acto, que coma explicaba Eduardo Cadenas, presidente da Asociación Amigos da Catedral, contará amais cun pequeno concerto a cargo do dúo de guitarras do Conservatorio Profesional de Música de Tui formado por Pablo Ameijeiras e Gabriel Silvera.

Juan José Sío Castro, presidente da agrupación de exvoluntarios de Protección, detallou coma unha trintena de voluntarios volverán levar na procesión ao Santo Cristo da Agonía, un acto procesional no que este ano suman a súa participación número 29.

O párroco de Tui, Santiago Freire, indicaba coma tras as restricións dos dous últimos anos “énchenos de esperanza” poder volver á “normalidade”. 

Jorge Gonçalves Murta, presidente da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, lembraba coma hai máis de 40 anos que levan adiante os actos da Semana Santa en Tui, agradecendo a colaboración do concello nesta celebración.

O pregón da Semana Santa a cargo de D. Santiago Vera, cóengo e director do Museo Catedralicio, abrirá o domingo 3 de abril, ás 18 h, na capela das Reliquias na Catedral o programa da Semana Santa en Tui. O domingo 10, ás 11 h na praza de San Fernando terá lugar a beizón de ramos, con procesión e misa na catedral.  O templo catedralicio acollerá o mércores, 13 de abril, ás 12 h a misa crismal presidida polo bispo da Diocese.

O Xoves Santo, 14 de abril, a partir das 20 h terá lugar a tradicional visita aos monumentos cun percorrido polas distintas igrexas e capelas do conxunto histórico de Tui dende a Catedral, á igrexa das Clarisas, San Telmo, a capela da Residencia San Telmo, e as igrexas de San Domingos e San Bartolomeu. A capela da Misericordia volverá converterse no Horto das Oliveiras, que xa se realizaba en 1818.  Previamente celebrarase na catedral a misa vespertina da cea do Señor e ás 23 h a Hora Santa.

O sermón do Encontro,  con D. Ángel Carnicero, reitor do Seminario Maior San Xosé coma orador, abrirá o programa do Venres Santo ás 11 h, para celebrarse a continuación á procesión dos Pasos. Á tarde, terá lugar a celebración da paixón do Señor e o Sermón do Desencravo na igrexa de San Domingo con D. Samuel Montes, formador do Seminario Maior San Xosé coma orador. A procesión do Santo Enterro irá dende esta igrexa polas rúas do conxunto histórico até a igrexa parroquial de San Francisco.

O Sábado Santo ás 8 h celebrarse a procesión de Nosa Señora da Soidade, só para mulleres, dende a igrexa de San Francisco á Catedral, con posterior sermón a cargo de D. Ángel Carnicero. A partir das 21.3 h celebrarse a Solemne Vixilia Pascual.

Os actos pecharanse o domingo 17, Domingo de Pascua de Resurrección coa Misa Pascual presidida polo bispo da Diocese, ás 12 h na Catedral.

 

Folleto Semana Santa Tui 2022

Programa Semana Santa – Tui 2022

Domingo 3 de abril

  • 18:00 horas. Pregón da Semana Santa. Capela das Reliquias da S. I. Catedral A cargo de D. Santiago Vega López, cóengo e director do Museo Catedralicio.
  • Pequeno concerto polo dúo de guitarras formado por Pablo Ameijeiras López e Gabriel Silvera Marcoff.
  • Organiza: Asociación de Amigos da Catedral de Tui. Colabora: Cabido Catedral de Tui e Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia.

Domingo 10 de abril. Domingo de Ramos

  • 11:00 h. Bendición de ramos. Praza de San Fernando
  • A continuación procesión e Santa Misa na S. I. Catedral.

Mércores 13 de abril. Mércores Santo

  • 12:00 h. Misa Crismal na S. I. Catedral
  • Presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano. Bendición dos óleos que se empregan na administración dos sacramentos nas parroquias durante o ano e renovación polos presbíteros das súas promesas sacerdotais.

Xoves 14 de abril, Xoves Santo

  • 19:30 h. Misa Vespertina da cea do Señor na S. I. Catedral
  • 19:00 a 23:00 h. Visita aos Monumentos
  • Tradicional percorrido polos seguintes lugares: S. I. Catedral, Igrexas das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo, Capela da Residencia San Telmo, Igrexa de San Domingos e igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación do Horto das Oliveiras.
  • 23:00 h. Hora Santa na S. I. Catedral

Venres 15 de abril, Venres Santo

  • 11:00 h. Sermón do Encontro e procesión dos pasos
    • Saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro.
    • Orador: D. Angel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior “San Xosé”.
    • A continuación procesión polas rúas da cidade.
    • Organiza: Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia. Colabora: Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui.
  • 18.00 h. Celebración da Paixón do Señor na S. I. Catedral
  • 20:00 h. Sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro
    • Na igrexa de San Domingos Sermón do Desencravo.
    • Orador: D. Samuel Montes Costas, Formador do Seminario Maior “San Xosé”. A continuación Procesión do Santo Enterro  polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial de San Francisco.

Sábado 16 de abril, Sábado Santo

  • 08:00 h. Procesión de Nosa Señora da Soidade
    • Saída dende a Igrexa de San Francisco ata a S. I. Catedral.
    • A continuación sermón a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior “San Xosé”.
  • 21:30 h. Solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco

Domingo 17 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección

  • 12:00 h. Misa Pascual na S. I. Catedral
  • Presidida polo Bispo da diocese.