Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Voando Xuntos” chega este venres a Tui na terceira cita do Cinema de Verán

22/08/2022

Logo de ‘Valentina’ e ‘Arrietty’, a cidade volverá a gozar do cinema ao aire libre coa proxección deste filme de aventuras para toda a familia este venres ás 22.00h.

Este venres, 26 de agosto, ás 22.00 horas Tui contará coa derradeira cita do seu Cinema de Verán con “Voando Xuntos”. Logo das proxeccións dos filmes de animación ‘Valentina’ e ‘Arrietty’, o Paseo Fluvial tudense volverá a acoller unha película pensada para facer gozar a todos os públicos. 

‘Voando xuntos’ é unha longametraxe francesa de aventuras do director Nicolas Vanier. Nela cóntase a historia familiar de Christian, un científico especializado no estudo dos procesos migratorios das aves e, especialmente, dos gansos salvaxes. A película, presentada no 2019, narra a relación do científico co seu fillo adolescente, que non comparte a mesma paixón e prefire os videoxogos. Malia que o fillo rexeite a idea de pasar unhas vacacións en plena natureza, ambos os dous veranse envoltos nunha incrible viaxe sucando os ceos de Europa nun ultralixeiro para salvar a unha especie en perigo de extinción. 

En algo menos de dúas horas de proxección, ‘Voando xuntos’ mostra impresionantes imaxes máis propias do formato documental facendo fincapé na importancia do coidado e estudo da natureza e da conciencia ecolóxica que se debe ensinar e transmitir ás vindeiras xeracións. A entrada é libre. Haberá 400 cadeiras para poder gozar da película.