Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Visitas guiadas, xornada de debuxo, e concerto de Marta Quintana esta fin de semana na programación de ‘Setembro Xudeu en Tui’

15/09/2023

Continúa a oferta gastronómica en quince establecementos tudenses

Tui vivirá esta fin de semana unha ampla actividade dentro do programa “Setembro Xudeu en Tui” organizado polo Concello de Tui para pór en valor  o amplo legado patrimonial das comunidades xudías e criptoxudías na cidade.

A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez Álvarez, convida a acudir esta fin de semana a Tui para gozar do amplo e diversificado programa de actividades previsto para coñecer o patrimonio xudeu e para gozar do conxunto histórico tudense, o segundo en superficie de Galicia e que atesoura un amplo acervo patrimonial.

Así mañá sábado 90 debuxantes chegados de toda Galicia e do Norte de Portugal participarán na xornada de debuxo sobre o Tui xudeu organizada polos colectivos Urban Sketchers de Galicia e o Norte de Portugal. Ás 10 h presentaranse os grupos participantes na porta da Casa do Concello, para realizar a continuación, de forma opcional, unha visita guiada polo patrimonio xudeu, que dará paso xa ao tempo de debuxo da xudería por parte dos participantes. Ás 13.30 h tomarán unha foto na praza de San Fernando, e tras atoparse de novo ás 16.30 h na Oficina de Turismo debuxarán o conxunto histórico. O encontro rematará ás 18.30 h coa foto final do grupo diante da Oficina de Turismo.

Amais mañá sábado, ás 12.30 h, terá lugar unha  visita guiada pola Ruta Xudía de Tui a cargo de Sara Quintana, historiadora da arte e guía oficial. A asistencia é libre e comezará diante da Oficina de Turismo de Tui no Paseo da Corredoira.

O domingo as actividades comezarán ás 11.30 h na Oficina de Turismo, cunha nova visita ao patrimonio ligado as comunidades xudías e de “cristiáns novos” de Tui titulada “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses” a cargo de José Ramón Fernández Fernández, historiador da arte.

Pola tarde, ás 20 h, na igrexa de San Domingos terá lugar un concerto a cargo da arpista Marta Quintana, que interpretará diversas pezas do seu repertorio así como música sefardí. Marta Quintana posúe unha ampla traxectoria musical, formada no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, na aula de Arpa dirixida por Rodrigo Romaní. Estudou no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela. Fundou o dúo Sete Saias co que realizou un traballo discográfico (2006) considerado unha das mellores iniciativas musicais dese ano. Como arpista e cantante compartiu escenario con Budiño, Mercedes Peón, tocando para o Xacobeo, no Festival Intercéltico de Lorient (Francia) representando a Galicia (2009). No ano 2011 autoedita e produce "Amable" e representa a España no Festival Mundial de Arpa de Paraguai, continúa tocando en numerosos escenarios. No 2014 produce e edita “Lus” baseado en textos do poeta Díaz Castro. Na actualidade é directora do Colexio Rural Agrupado “Mestra Clara Torres” de Tui.

Dentro da programación “Setembro Xudeu en Tui” continúa a ampla oferta gastronómica  centrada no Menú Sefardí que o Parador de Tui ofrece ao longo ao longo de todo o mes de setembro conformado por Cebola rechea de cabaza especiada, pistachos e melaza de granada, “Albondiguillos” de pescado con salsa de limón  e “Ginestada”.

Amais catorce establecementos tudense participan nas “Xornadas gastronómicas sefardís: o bacallau”.

  • Restaurante “O novo Cabalo Furado”: Taquiños de bacallau en tempura con cebola caramelizada e lombo de bacallau á prancha ou á galega
  • Restaurante e cafetería “Puro sabor”: empanadilla de bacallau
  • Restaurante “Casa Pote”: Bacallau ao forno sobre pataca panadeira, pementos e cebola
  • Tapería “O Albergue”: tosta de grelos e bacallau e croquetas de bacallau e pementos “piquillo”
  • “Emma Tapas & Brunch”: Bacallau con xudías brancas e salsa romesco
  • Restaurante “Monte Aloia”: empanada de bacallau e bacallau ao forno e á brasa
  • Restaurante “O vello Cabalo Furado”: Bacallau asado, arroz con bacallau e boliños de bacallau.
  • Restaurante “El Molino”
  • Albergue “Ideas Peregrinas”
  • Mesón “Tapas e viños”
  • Restaurante “Jacqueyvi”
  • Taperia “Santiamén”
  • Restaurante taperia “Época”
  • Restaurante “Cruceiro do Monte”

Por outra parte cómpre lembrar que na Praza do Concello está instalado durante todo o mes de setembro un photocall de gran tamaño denominado ‘Porta da Memoria’ convidando facerse unha fotografía, subila a instagram e etiquetala como #memoria #redjuderias ou enviala a descubridores@redjuderias.org para entrar en diversos sorteos de agasallos entre os participantes.

Por último, recordar que o Concello de Tui dispón dunha visita autoguiada á ruta xudía de Tui que se pode descargar neste enlace: https://rutajudia.turismotui.mobi.