Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Visita aos muíños do Tripes o próximo venres, 11 de agosto, ás 10 h

4/08/2023

Está organizada pola Asociación Cultural Muiñeiros do Río Tripes en colaboración co Concello de Tui

“Coñece o noso patrimonio rural: Os Muíños do Tripes” é o título da visita guiada que o próximo venres, 11 de agosto, ás 10 h terá lugar á case unha trintena de muíños situados na senda do río Tripes. A actividade está organizada pola Asociación Cultural Muiñeiros do Río Tripes en colaboración co Concello de Tui.

A participación nesta actividade é gratuíta pero é preciso inscrición previa en turismo@tui.gal.

Trátase dun percorrido sinxelo de dificultade baixa e apto para a toda a familia. A duración estimada é de 2 horas. Partirá da área recreativa de Circos.  As persoas participantes poderá coñecer os muíños construídos á beira do río Tripes, e coñecer polo miúdo o seu funcionamento, a importancia que tiveron no seu día, e terán a oportunidade de ver algún deles en funcionamento. Máis aló destes importantes elementos etnográficos a ruta conta tamén cun gran valor natural pola flora e fauna visible ao longo do percorrido, xa que cómpre lembrar que os muíños están situados no Parque Natural do Monte Aloia, o que foi o primeiro espazo natural protexido de Galicia.