Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As violinistas Sara e Raquel Areal e a pianista Karla Martínez ofrecen mañá venres o concerto “Volta ás orixes”

28/07/2022

Será ás 22.15 h na praza de San Fernando dentro da programación cultural do verán.

A música volverá encher mañá pola noite a praza de San Fernando co concerto “Volta ás orixes” a cargo das violinistas tudenses Sara Areal e Raquel Areal e Karla Martínez.  Este evento musical comezará ás 22.15 h con entrada libre.

Un concerto no que Sara e Raquel farán unha viaxe musical dende as pezas que tocaban na súa infancia até ás que interpretan na actualidade, amosando así a evolución no grao de dificultade e calidade experimentado ao longo dos anos. Pero será tamén unha viaxe a través dos países onde teñen realizado a súa formación musical cun repertorio de diferentes nacionalidades e diferentes tipos de pezas.  Ofrecerán un concerto moi dinámico no que agardan o público disfrute da interpretación, que para elas será moi especial e emotivo.   Ao piano estará Karla Martínez que xunto a Raquel Martínez forma o dúo Boulanger.

O concerto comezará interpretación do Concerto para dous violíns en La menor de Vivaldi e a “Nena dos cabelos de liño” de Debussy. Continuarán con “Nocturno” de Lily Boulange e interpretando 7 dos 44 dúos para dous violíns de Béla Bartok. Forma parte tamén do repertorio “Balada do Amor Adolescente” de José María Vitier, “En mi menor, Mi menor Conga” de Guido López-Gavilán, “La Vida Breve” de Manuel de Falla e “Emigrantes Celtas” de Manuel Quiroga. Rematarán con “Navarra” de Pablo de Sarasate.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, compartiron esta mañá uns minutos coas tres artistas na praza de San Fernando onde mañá terá lugar o concerto. Amosaron a Sara e Raquel Areal e a Karla Martínez o seu agradecemento por poder conta con este evento musical na programación do verán cultura tudense.

Programa concerto “Volta ás Orixes”

  • Concerto para dous violíns en La menor de Vivaldi
  • “Nena dos cabelos de liño” de Debussy
  • “Nocturno” de Lily Boulange
  • 7 dos 44 dúos para dous violíns de Béla Bartok
  • “Balada do Amor Adolescente” de José María Vitier
  • “En mi menor, Mi menor Conga” de Guido López-Gavilán
  • “La Vida Breve” de Manuel de Falla
  • “Emigrantes Celtas” de Manuel Quiroga
  • “Navarra” de Pablo de Sarasate

 

Currículos

Karla Martínez (La Habana Cuba. 1988) graduouse con diploma de honra no Instituto Superior de Arte de Cuba e recibiu a bolsa “Carolina” coa que realizou un Postgrao musical e perfeccionamento no Liceu de Barcelona co mestre Tensy Krismant. Continuou a súa formación co Máster de Interpretación Musical na Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid, cos prestixiosos profesores Dimitri Bashkirov e Denis Lossev grazas á bolsas da Fundación Albéniz e Maec-Aecid.  Conta no seu haber con numerosos galardóns coma o diploma de alumna máis sobresaínte no departamento de música de Cámara coma integrante do Grupo Danzi, gañou os concursos María Clara Cullel en Costa Rica, Piano Cicle de Primavera de Barcelona ou o Concurso L`Arjau y UNEAC.

Ten realizado numerosos concertos en América e Europa, traballou con importantes músicos e directores e gravou “20 Pianos” con música de Ernán López-Nussa, que obtivo Gran Premio Cubadisco 2012 para o selo Colibrí.  Compaxina a súa actividade concertística coa docente sendo actualmente profesora no Real Conservatorio Superior de Madrid.

Sara Areal Martínez ( Tui. 1996)  comezou os seus estudos de violín con 5 anos formándose no Conservatorio Profesional de Música de Tui, e na Escola Profissional Artística do Vale do Ave – ARTAVE, onde rematou coas máximas cualificacións.  Foi alumna de Svetlana Makarova na Haute École de Musique de Lausanne (Suiza) no  Curso de Licenciatura de Interpretación de Violín cun violín Charles Jacquot de 1857 que lle emprestou o Rotary Club en Lausanne, e na Escola Superior de Música Reina Sofía (ESMRS) de Madrid cursou clases con Ana Chumachenco e Zorik Tatevosyan. Ten recibido clases maxistrais de prestixiosos violinistas. Actualmente cursa o Máster co profesor Pavel Vernikov en Musik and Kunst Privatuniversität der Stadt Wien, en Viena.  

Son numerosos os premios que ten obtido nos últimos anos dende o primeiro Premio David Russel en 2008, o Concurso de Capela 2011 en Portugal, ou o Premio "Andrés Segovia-José Miguel Ruiz Morales" en la LV Edición del Curso Internacional de Música Española de la Universidad "Música en Compostela". Ten tocado en diferentes fundacións, ciclos de concertos, destacando a súa actuación coma solista no Concerto en Re menor op.47 de J. Sibelius coa Orquestra do Conservatorio Superior de Vigo e o Concerto en Mi menor op.64 de F. Mendelssohn co director Maximimo Zumalave e a Real Filarmonía de Galicia nos premios Xosé Couso.

Raquel Areal Martínez ( Tui. 1999) iniciou os seus estudos musicais na súa cidade natal proseguíndoos en ARTAVE e na Escola Profíssional de Música de Espinho. Estudou cos profesores Zakhar Bron e Yuri Volguin na Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid, onde obtivo as bolsas de Copasa e da Fundación Albéniz. Formación que completou con diversos profesores  a nivel internacional. Gañou o Concurso Juventudes Musicales de España en 2018 e o primeiro premio no Lipinski & Wieniawski Violin International Competition en Polonia, tamén en 2018.

Formou parte da Xoven Orquestra da Sinfónica de Galicia, da Orquestra Sinfónica de Galicia, e da Orquestra ol Teatro Real. Os seus concertos son numerosas tanto en España coma estranxeiro actuando coma solista na interpretación de pezas coma as Catro Estacións de Vivaldi ou o Concerto para violin e orquestra de Mendelssohn. Tamén son habituais as súas colaboracións con grandes intérpretes. Con tan so 22 anos gañou a praza na Orquesta Nacional de España á que se incorporou en novembro do ano pasado. Este curso trasladarase a Berlín para perfeccionar os seus estudos no Hochschule für Musik Hanns Eisler co prestixioso profesor Kolja Blacher.