Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Veciños de Valenzuela, Córdoba, realizarán este xoves unha alfombra de serraduras na Corredoira

23/08/2022

Tui será a primeira das localidades onde elaborarán o tapiz no Camiño de Santiago

Un grupo de case cen veciños e veciñas do municipio cordobés de Valenzuela ,que están realizando o Camiño de Santiago, confeccionaran unha alfombras de flores ao longo da mañá deste xoves, 25 de agosto, no céntrico paseo da Corredoira fronte á Oficina Municipal de Turismo.

A vila de Valenzuela foi convidada a formar parte da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago; pois este municipio ten na festa do Corpus Christi un elemento diferenciador que encerra en si mesmo a súa principal característica, o deseño dunha alfombra de serraduras multicolor de centos de metros que enche as rúas da poboación na mencionada festividade.

De tal modo, e cando desde Valenzuela se organiza  unha viaxe a terras galegas para realizar o Camiño de Santiago, pretenden realizar en cada localidade do seu percorrido un acto cultural co cal establecer un achegamento a estes municipios galegos tendo en común o mundo das alfombras.  Así realizarán unha réplica a pequena escala dunha das alfombras típicas daquela vila andaluza nun lugar emblemático da cidade de Tui, como é o Paseo da Corredoira. Unha iniciativa que tamén chegará a San Román de Retorta, Melide, Sarria, Arzúa e O Pedrouzo ata chegar a Santiago de Compostela.

O alcalde de Valenzuela, Antonio Pedregosa apunta que  esta proposta enmárcase no seu continuo compromiso coa difusión das nosas tradicións, levando as súas alfombras a cidades que, por diversas circunstancias conforman un enclave destacado no Camiño e que do mesmo xeito que Valenzuela tamén posúen unha tradición de realizar alfombras de flores na festividade do Corpus Christi.

O alcalde accidental de Tui, Rafael Estévez, congratúlase desta iniciativa do municipio de Valenzuela que achegará ata Tui esta singular tradición cultural, que suscitará o interese de veciños e peregrinos, contribuíndo ao mutuo coñecemento das nosa localidades.

Esta previsto que arredor das 9,30 horas inicie este grupo de veciños de Valenzuela o proceso de confección da alfombra de serraduras multicolor que contan ter culminado arredor das 13.30 horas. A esa hora está previsto que realice unha visita a esta alfombra o alcalde accidental, Rafael Estévez, xunto a outros membros da Corporación Municipal tudense.