Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Uso de fogos de artificio e pirotecnia na celebración de festas

21/07/2022

 A  Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais o seu artigo 37.1 establece que en todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal, durante a época de perigo alto de incendio forestal, os artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e doutros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, están suxeitos á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. O concello comunicará as autorizacións ao distrito forestal correspondente ao seu ámbito territorial con 48 de antelación como mínimo.

A Lei recolle a prohibición do uso de fogos de artificio e pirotecnia en terreos forestais ou de influencia forestal naquelas áreas nas que o índice de risco de incendios sexa extremo.

Así no caso de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, o concello non poderá autorizar a utilización de artefactos que leven aparellado o uso do lume, fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos. Nos casos de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o día da celebración, entenderanse revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.

O índice de risco diario de incendio forestal (IRDI),  é a expresión numérica que traduce o estado da biomasa forestal e da meteoroloxía nun momento dado, de modo que se poidan prever as condicións de inicio e propagación dun incendio. O IRDI establece, para cada unha das épocas de perigo, o risco diario de ocorrencia de incendio forestal, cuxos niveis son baixo (1), moderado (2), alto (3), moi alto (4) e extremo (5).

 

Consultar IRDI, Índice de Risco Diario de Incendio Forestal