Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha mesa redonda con Albino Prada e Héctor Cajaraville abre as Xornadas Rosendo Salvado

26/02/2024

Este mércores, 28 de febreiro, ás 20.00 h na Sala Félix Rodríguez González (no Edificio “Francisco Sánchez” de Tui) comeza unha nova edición das Xornadas Rosendo Salvado que organiza o Concello de Tui en torno ao CCX aniversario da data de nacemento do beneditino tudense, o 1 de marzo de 1814.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, este ciclo de actividades arredor deste egrexio tudense ten o obxectivo de achegar a súa personalidade e traxectoria a todos os veciños e veciñas e ás persoas interesadas nesta figura senlleira da historia de Tui e de Galicia, cunha dimensión que supera os ámbitos eclesiásticos ou de misioneiro, senón que abrangue á música, á etnografía, á defensa das minorías e os seus dereitos, á promoción da muller no acceso ao traballo remunerado, á introdución da fotografía en Australia... Unha figura poliédrica á que estas xornadas pretenden achegarse.

Nesa primeira sesión contarase coa presenza do profesor da Universidade de Vigo, Albino Prada Blanco, e o escritor Hector Cajaraville, docente no ensino medio.

O profesor Prada realizará a presentación da edición dixital de acceso libre na web da Universidade de Vigo do seu libro “O Pais dos Sen Alma. Rosendo Salvado en Australia”, editado o pasado ano pola Universidade de Vigo como tradución da edición en español do ano 2014.

Albino Prada Blanco é doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Foi membro do Consello Galego de Estatística, do Consello Económico e Social de Galicia e do Consello da Cultura galega. Columnista habitual de La Voz de Galicia. Autor de varios libros, entre eles o dedicado a Fr. Rosendo Salvado(Crónica desde el país de los sin alma. Rosendo Salvado en Australia (1846-1899), 2014, A Coruña, Biblioteca Gallega, La Voz de Galicia, editado en galego o pasado ano pola Universidade de Vigo) e innumerables artigos.

Pola súa banda o xornalista e escritor Héctor Cajaraville, autor da novela “Novo Nursia”, editada en 2018, centrada na biografía e traxectoria de Rosendo Salvado, falará arredor de “Frei Rosendo Salvado, unha rúa de Santiago".

Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) estudou Xornalismo e actualmente é profesor de Lingua e Literatura galegas no ensino secundario. En 2015 gañou o Premio Xerais coa súa primeira novela, «De remate», e foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con «Quen dá a quenda?». Nese mesmo ano, a súa obra «A caixiña dos rancores (Vidas cruzadas)» recibiu o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; en 2016 gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo con «Once portas» e o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil con «Denébola a Roxa». Coa súa novela «Kusuma» obtén o Premio Merlín de Literatura Infantil 2018. É autor, ademais, das novelas «O segredo da casa de Formoso» (2017) e «Nova Nursia», así como das biografías «Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo», «Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso» e «Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade». En 2023 publica o álbum de aprendizaxe temperá «Moita froita!». Noutras facetas, traduciu ao galego a novela «O gardián invisible» de Dolores Redondo, participou na redacción do «Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato» (2014) e publicou varios traballos académicos sobre lexicografía e linguaxe xornalística.

Esta Xornadas Rosendo Salvado 2024 continuarán o xoves 29 de febreiro cunha nova conferencia do prestixioso investigador Francisco Díaz-Fierros, do Consello da Cultura Galega, titulada "Ciencia, técnica e cultura na obra de  Frei  Rosendo Salvado”.