Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Un obradoiro de ilustración, contacontos e unha ruta literaria son parte das actividades coas que Tui celebra o “Día da Biblioteca”

3/10/2019

Está organizadas pola Biblioteca Pública Municipal ao longo de todo o mes

Un obradoiro de ilustración, contacontos e unha ruta literaria forman parte do programa co que se conmemora en Tui o “Día da Biblioteca”, que se celebra o 24 de outubro. O programa organizado pola Biblioteca Pública Municipal de Tui vaise desenvolver ao longo do presente mes de outubro con diversas actividades de animación á lectura.

A primeira cita ten lugar hoxe xoves, ás 20 h, coa presentación do libro “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro” de Óscar Pazos Rodríguez na Sala Félix Rodríguez.

As seguintes citas, os xoves 10, 17 de 24 deste mes, terán lugar na propia biblioteca dirixidas a público infantil.

Así o xoves, 10 de outubro, ás 17.30 h, celebrarase un obradoiro de ilustración titulado “Rachando gaiolas” co ilustrador Xosé Tomás. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas con idades entre os 8 e os 12 anos. Cómpre inscrición previa na propia biblioteca. Xosé Tomás é un dos referentes da ilustración en Galicia. Ilustrador, humorista gráfico, e profesor no Baixo Miño o seu campo de traballo abrangue diversos ámbitos pero a maioría da súa obra sitúase na ilustración para obras de literatura infantil e xuvenil.

O xoves, 17 de outubro, ás 18.00 h, desenvolverase o espectáculo “A música da auga” co Bardo Abelardo. Trátase dun conto cantado no que se pon en valor a importancia fundamental da parte feminina das nosas vida: a auga, a terra, a tenrura, a paz e a solidariedade para acabar con todo tipo de violencias. Está dirixido a rapaces e rapazas de ata 11 anos. A entrada será libre ata completar a capacidade do local.

O xoves, 24 de outubro, Día da Biblioteca, ás 18.00 h terá lugar a actividade “A pirata escarlata” con Marisa Irimia, ilustradora, contacontos e animadora da lectura. Esta actividade trata de rapazas que capitanean perigosos barcos piratas, rapaces que pilotan naves espaciais, nenas e nenos que viven emocionantes aventuras, que xogan, elas e eles, un papel activo en mil e unha andanzas. Vai dirixido a nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade.

Estas tres actividades pertencen ao programa de animación á lectura Ler Conta Moito e ao Pacto de Estado en contra da violencia de xénero.

Por outra parte na semana do luns 21 ao domingo 27 de outubro a Biblioteca Municipal tudense ofrecerá un agasallo de libros descatalogados ou procedentes de doazóns a todos os usuarios que se acheguen ata este centro bibliotecario.

O programa de actividades de animación á lectura remata cunha proposta para mozos e maiores.  Será o sábado, 26 de outubro, cunha Ruta Literaria  guiada pola escritora Marga do Val e o historiador Rafael Sánchez Bargiela. Partirá ás 12 h dende a Biblioteca Pública Municipal para realizar un percorrido por diversos lugares ligados a escritores tudenses, lembrando a súa traxectoria e as súas obras.

Día da Biblioteca

A celebración do “Día da Biblioteca “ é unha proposta da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil que xorde no ano 1997 en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada no ano 1992 durante o conflito bélico dos Balcáns. A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro de lectores de todas as idades coa cultura e como un instrumento de mellora da formación e da convivencia das persoas.

A celebración desta data, á que se suma a Biblioteca Municipal tudense, é unha oportunidade para impulsar entre nenos, mozos e maiores os valores da lectura e da cultura. Tamén pretende destacar a misión das bibliotecas como centros socializadores e integradores e demostrar que os libros están ao alcance de todos os tudenses, pois as bibliotecas son un dos mellores exemplos do cumprimento do mandato constitucional de promover o acceso á cultura a todos os cidadáns.

Dende a Concellería de Cultura do Concello de Tui anímase á participar nesta oferta de actividades arredor da lectura que enriquecen o abano de propostas culturais da cidade de Tui.