Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un modelo de cidade no que os peóns sexan a prioridade é o recollido no PMUS presentado esta mañá

25/10/2019

O alcalde anunciou xa medidas concretas coma o sentido único para Augusto González Besada ou a peonalización de parte da Corredoira a curto prazo

Un modelo de cidade no que os peóns as bicicletas teñan prioridade é o que recolle o Plan de Mobilidade Sustentable do Concello de Tui que foi presentado este mediodía. O documento, elaborado pola empresa EPTISA recolle medidas a curto, medio e longo prazo nun horizonte temporal de dez anos, e cun investimento estimado de 16 millóns de euros. Para poder facer fronte a este investimento o Concello de Tui buscará distintas vías de financiamento a través dos distintos organismos e entidades que contan con liñas de subvencións para as accións previstas. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, e os técnicos da empresa EPTISA que realizaron o PMUS, Javier Vázquez e Sergio Pérez, presentaron hoxe este plan.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que as conclusións do PMUS coinciden coa liña das prioridades establecidas polo goberno municipal que preside. Citou así retirar o tráfico do centro urbano, a humanización das rúas e a mellora da accesibilidade.  Deu a coñecer amais que coma primeira medida encargarase un Plan de Reordenación do Tráfico no municipio que servirá para tomar as medidas axeitadas para retirar o tráfico do centro, eliminar vías de dobre sentido e avanzar na humanización. Con isto dicía “poremos a Tui na mesma liña de traballo que están a realizar outras cidade tanto en España coma en Europa”. 

Anunciou amais Enrique Cabaleiro  que de xeito inmediato deixarase de pechar un tramo a rúa Ourense os xoves coincidindo co mercado semanal, para o que se van desprazar de ubicación algún postos. Tamén avanzou o obxectivo de que a rúa Augusto González Besada pase a ser de sentido único en dirección cara ao Paseo da Corredoira, e que o tramo da rúa Calvo Sotelo dende o cruzamento con Augusto González Besada até os soportais pase a ser peonil. Isto permitirá humanizar Augusto González Besada.  No referido á mobilidade adianto tamén que están a estudar a viabilidade de que o Concello asuma con fondos propios o investimento de 2,5 millóns de euros para construír un aparcamento subterráneo na traseira da Área Panorámica con capacidade para 303 prazas.

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, destacou a colaboración obtida por parte da cidadanía, tanto na enquisa online que foi respondida por máis de 200 persoas, coma pé de rúa. Sobre o PMUS indicou que un documento de traballo que servirá de punto de partida para mellorar a mobilidade no municipio.

Nos últimos meses de traballo os técnicos de EPTISA estudaron a situación da mobilidade no municipio a través de datos, do análise do viario, dos itinerarios peonís ou ciclistas existentes, da disponibilidade de prazas de aparcamento, das liñas de transporte público, e da accesibilidade, entre outros factores.  Concluíron que a principal debilidade do municipio vén dada pola gran dependencia do vehículo privado, a principal ameaza é a dispersión poboacional, a fortaleza á súa proximidade a Vigo e Pontevedra e a Eurocidade Tui-Valença, e o Camiño de Santiago se presenta coma unha oportunidade.

Entre as medidas propostas está por unha banda a un Plan de Fomento da Mobilidade Peonil, no que se contempla a creación e sinalización dunha rede de itinerarios peonís e de camiños escolares seguros. Así como o deseño dun metro-minuto que estableza a distancia e o tempo camiñando entre distintos puntos.  O PMUS tamén recolle a execución de pasos de peóns seguros e accesibles, a elaboración dun Plan Municipal de Accesibilidade para a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Por outra parte para fomentar a mobilidade ciclista propoñen a definición de itinerarios en bicicleta, unha rede de aparcadoiros de bicicletas, ou estudar a implantación dun sistema de empréstito de bicis.

No que se refire ao transporte público ás medidas propostas no PMUS pasan pola mellora ddas conexións das liñas de autobús interurbano, o fomento do transporte público, mellor das marquesiñas, incluíndo a accesibilidade universal, ofrecer información sobre os horarios e frecuencias na web municipal,  e coma propostas máis ambiciosas a creación do Tui Bus, unha liña de autobús municipal, ou dun sistema de transporte público a demanda.

Outras cuestións recollidas nas conclusións céntranse no aparcamento coa xestión do aparcamento en eventos, a redacción dun Plan de Ordenación do Estacionamento, a mellora e promoción dos aparcamento disuasorios

Outros aspectos recollido no Plan de Mobilidade Sustentable son melloras no deseño viario con xerarquización dos viais, reducción da velocidade, adopción de sistemas de calmado do tráfico, así coma o repintado da rede viaria con pintura antideslizante. Tamén se propón a redacción dun Plan de Seguridade Vial Local, dunha Ordenanza Municpial de Mobilidade, e a creación dunha Oficina e dun Observatorio de Mobilidade.

A instalación dun punto de carga eléctrica para vehículo eléctricos, a promoción do coche compartido e de vehículos limpos ou dun Plan de Transporte ao traballo son tamén cuestións recollidas no PMUS.  Por último recolle sumarse á celebración da Semana Europea da Mobilidade ou ao Día de Concienciación coa Mobilidade Reducida. O Plan contemplase asemade un cronograma destas acción e un plan de seguimento da súa implantación.